Observar sen présa

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Hidalgo | EFE

01 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

miña irmá Yoly levaba un tempo falándome daquel libro que lera no seu club de lectura, e comentándome como algunhas das súas compañeiras foran a Madrid para facer a ruta das protagonistas da novela. Así que, unha vez o lin, falamos de coller o AVE e ir a Madrid de excursión literaria. E así pasamos o día, paseando polo Barrio das Letras, parando nos lugares da novela, e desfrutando de estar xuntas e soas.

A verdade é que sempre é especial ver o mundo desde os seus ollos. A Yoly ve cousas que eu non vexo, fai observacións que a min non se me ocorren, e párase en cada cousa que lle chame un pouco a atención, como se o tempo fora dela. Despois da ruta literaria leveina a un Museo do Prado case baleiro que nos deixou pasear tranquilas polas miñas salas favoritas, e nesa visita con ela vin outro Bosco, outro Velázquez, outro Fortuny, outro Goya... Era a súa primeira vez alí, e parábase fascinada nos cadros minúsculos, nos animaliños que aparecían neles, nas texturas... ela vía o que eu non vía, así que, mentres intentaba observar ao seu ritmo, aprendín un pouquiño máis sobre o que significa estirar a percepción do tempo, sobre o que significa observar sen présa.

Á volta do museo recolleunos a nosa irmá Teté, madrileña de adopción, para levarnos de paseo. E entón, buscando o quilómetro cero, de súpeto apareceu Antonio López, instalado no medio da Porta do Sol, cultivando o seu mundo particular no seu lenzo, absorbido pola súa misión de capturar a luz dese lugar a través do tempo. E eu, mirando para el, marabillada coa súa capacidade de absorción, de novo aprendín o que significa parar o tempo para intentar ver o que outros non somos capaces de ver...