Xuño, que rematou, adoita ser un mes de tempestades. Xuño con ceos escuros coma cuncas negras investidas sobre as nosas cabezas. Cabezas de mulleres, enriba duns corpos sobre os que sempre opinan outros:
«A ofendida, co seu específico vestido, provocou ese tipo de reacción no empresario, que non se puido conter na súa presenza» (anaco dunha sentenza).
«As mulleres son máis belixerantes porque non teñen pene», (recente presidente do Parlament de Baleares).
«Non pasa nada. Hai nove votos? Poñede dez. As leis son coma as mulleres. Están para violalas», (expresidente do Consello Xeral da Cidadanía de Galicia no Exterior). Opinións que manifestan sen sonroxo a supresión das concellerías de Igualdade por considerar ideolóxica a violencia machista.
Negacionistas da súa incidencia directa sobre as nosas vidas. En Galicia, onde as dúas provincias máis rurais, con mulleres especialmente vulnerables pola súa idade e a inexistencia de medios de transporte, son xustamente as máis necesitadas de loita institucional pola Igualdade, dada a alta concentración de municipios sen ningún Centro de Información á Muller específico ou sen servizo estendido por área de influencia. En Galicia onde, malia que en número a poboación feminina semella estar ben cuberta, un 77 % dos concellos non dispoñen do servizo específico.
Cegos que non len os datos das memorias da última década da Fiscalía Xeral do Estado e non ven o alarmante aumento dos delitos de violencia dixital especialmente entre adolescentes nin os crecentes abusos sexuais de varóns menores de idade a rapazas novas.
Mentes pensantes que non debaten sobre a cruel realidade por non ter recursos e que aínda hoxe a fenda de xénero salarial siga a ser a primeira das desigualdades entre mulleres e homes. Nin sobre os verdadeiros motivos polos que as mulleres non cheguemos coa mesma facilidade a postos de alta responsabilidade ou de poder; de aí a cutre porcentaxe de pouco máis dun 20 % de mulleres á fronte das alcaldías galegas, ben andado o século XXI.
Entrementres, as mulleres escoitamos e falamos: De liderado, de ambición, de inseguridades xurídicas, de retos, de familia, de política, do traballo en comandita ou do fito que para a igualdade real supuxo a igualación dos permisos de paternidade e maternidade.
Xa que logo, xullo pode vir cheo de claridade. Porque nunca as mulleres, e a nosa opinión, importamos tanto. Toca decidir ben.