No momento que escribo esta columna xa apareceron restos do submarino perdido durante unha expedición para ver os restos afundidos do Titanic, e dan por morta á súa tripulación; un submarino que levaba a cinco persoas coa capacidade de pagar unha cantidade de seis cifras para ter unha experiencia única no mundo. E no momento que escribo esta columna, aínda non se sabe a cantidade de persoas mortas ou desaparecidas que saíron de Libia con destino a Italia aglomeradas nun pesqueiro que afundiu na costa grega, e que están agora mesmo perdidas no mar Xónico... pero falan de máis de cincocentos corpos.
Dóeme o peito ao pensar que do mesmo xeito que no momento que se perde o contacto co submarino, unha hora e corenta e cinco minutos despois da súa saída, establécese un protocolo de busca; e que no caso do pesqueiro a piques de naufragar, todas as versións sobre o protocolo de rescate son confusas e complexas e dan a entender que a actitude das autoridades non é tan distinta á que se leva vendo durante a última década.
Canta dor. Cantas vidas truncadas. E aínda así, en Europa, seguimos sen saber lidar cunha situación tan habitual coma complexa. Son culpables os traficantes de persoas. Son culpables as organizacións oficiais que día tras día fan o posible para que estas persoas non cheguen ás costas europeas, eludindo os dereitos humanos das persoas refuxiadas. Son culpables os que crearon os conflitos que os obrigan a escapar...
O dereito marítimo esixe rescatar e asistir ás persoas que se atopen en situación de perigo no mar. Vaian nun submarino de turismo, ou nun pesqueiro de refuxiados, os dereitos deberían ser iguais para todos. Pero non o son. E iso doe. As vítimas non son culpables.