Camiños de vida

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Ramón Leiro

26 may 2023 . Actualizado a las 12:03 h.

Cando escollín a película non sabía nin de que ía, nin cal era o contexto. Vin o tráiler e alá fun, e a verdade é que había tempo que unha película me levaba a reflexionar tanto sobre a relación entre vida e traballo. Living (2022), dirixida por Oliver Hermanus con guión do premio Nobel Kazuo Ishiguro, é unha adaptación da película Ikiru (1952) de Akira Kurosawa, que dalgún xeito é un espello dalgunhas formas de vida. Living é a historia dun home común cunha rutineira vida de oficina que nun momento crítico da súa vida decide darlle a volta á súa existencia. E supoño que será porque estes días ando cuestionando máis ca nunca o que significa coller un camiño e seguilo, pero ao rematar a película quedei matinando durante días sobre as cousas que poden pasar cando, despois de asentarse nese camiño, unha decide renderse ou cambiar de rumbo.

Hai días nos que sentimos que imos co piloto automático da rutina, ese que nos leva a sobrevivir (no mellor dos casos) e a desconectar da realidade que nos rodea. Un piloto que tamén nos pode levar a perder a ilusión, pois xa nin sequera pensamos por que facemos o que facemos cando o facemos. Simplemente imos por ese camiño, porque levamos moitos anos indo por el... Pero tamén hai días nos que unha considera mudar de camiño coa esperanza de que as cousas cambien para mellor, pois unha pode sentirse prisioneira desoutra existencia que escolleu no pasado e pola que tanto loitou.

E aí é onde entra o dilema, en que momento das nosas vidas deixamos morrer aqueles ideais, ou aquelas formas de vida coas que soñabamos, para asentarnos nun camiño que xa non nos ten sentido? E que podemos facer cando nos decatamos?