«Sin tu latido»

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

María Pedreda

21 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Así se titula unha das cancións de amor máis fermosas en español. «Ay, amor mío, qué terriblemente absurdo es estar vivo, sin el alma de tu cuerpo, sin tu latido», canta Aute con esa indolencia que o fixo célebre. E aínda que el, en realidade, fala do desamor, coma Shakira, o certo é que ese retrouso expresa coma ningún outro o baleiro que provoca a ausencia. O que fai desta canción un poema fermoso e intelixente, é que o bater do corazón non representa o amor, senón algo mellor nas cousas do querer: a presenza que destrúe a soidade.

Desde que existen as ecografías, a retórica sentimental do embarazo teima en convencernos de que o batido do corazón do bebé é tan esencial como, na canción de Aute, a presenza do amor. Por iso se cre na epifanía dese momento corazón. Así, a un ser estúpido como é unha muller, a cursilería arramplaríalle co criterio, disfrazando con estúpido sentimentalismo o que en realidade é o conto de xestación obrigatoria das dereitas de España.

Seguramente os dirixentes políticos de Castela e León, Galicia ou a Cochinchina cren que unha muller decidida a abortar vai mudar de opinión só por escoitar ese batido, coma nas películas. E seguramente crean que todas as que quixemos ser nais tivemos ese intre choromicas do corazón a bater na primeira ecografía. Pero voulles contar un segredo: a maior parte estamos máis preocupadas por saber se hai malformacións que nos obriguen a interromper o embarazo. E as de vocación máis científica saben que o volume do ecógrafo esaxera un batido tan acelerado coma tenue para que pensemos que, coma na canción de Aute, non podemos vivir sen ese batido. O que pasa é que, no mundo fóra de Vox e do PP, as mulleres pensamos, e non necesitamos tutelas de señores que non mudaron un cueiro na vida.