Fame no inverno nuclear

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

16 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos vivindo a etapa de maior perigo nuclear tras a crise dos mísiles de Cuba de 1962 e o incidente Able Archer de 1983 (unhas manobras da OTAN que foron consideradas pola URSS coma un ataque real). Por iso son necesarios estudos como o que vén de valorar o impacto de seis tipos diferentes de guerra nuclear sobre a produción mundial de alimentos. Á marxe da devastación directa das bombas e da radiación resultante, un efecto coñecido dende 1983 é o chamado inverno nuclear: levantaríase unha capa de po que cubriría o planeta (tapando a luz do sol) e levaría a un grao variable de extinción de vida vexetal, semellante á que causou a extinción dos dinosauros trala caída dun meteorito hai 66 millóns de anos. No caso dunha guerra nuclear local entre a India e Pakistán (estalando unhas 150 bombas atómicas), a cantidade de po enviado á atmosfera podería chegar a 40 millóns de toneladas: a produción agrícola caería un 50 %. Morrerían de fame uns 2000 millóns de persoas (un cuarto da poboación mundial). No caso dun conflito ruso-ianqui, a caída da produción agrícola sería de máis do 90 % (a caída térmica sería maior que na última idade do xeo) e morrerían de fame 5000 millóns de persoas. Unha guerra que usase só o 1 % do arsenal nuclear actual xa sumaría unha crise alimentaria á propia destrución directa das bombas. Os países máis afectados serían os de latitudes altas (coma Rusia). O que menos, Australia, onde os superviventes poderían establecer unha estratexia de mínimos en base ao cultivo de trigo.