Vacina do papiloma

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

Bernardo Rodríguez

12 sep 2022 . Actualizado a las 12:35 h.

O cancro de colo de útero é o segundo máis frecuente en mulleres a nivel global, sobre todo pola súa incidencia no terceiro mundo, onde non son frecuentes as revisións xinecolóxicas que detecten problemas incipientes.

A principios dos anos 80 o alemán Harald zur Hausen demostrou que a causa dese cancro é o virus do papiloma humano (un virus que reside na pel), contaxiado por contacto, entre outras vías polas relacións sexuais: o virus vai na pel do pene e no caso típico transmítese coa penetración. A maior parte da poboación líbrase dos efectos do virus de maneira natural, só unha pequena porcentaxe ten problemas.

Foi un descubrimento revolucionario, mesmo a nivel conceptual, porque naqueles anos non se cría que a orixe dese tipo de enfermidades fose vírica. Por el foille concedido o premio Nobel de Medicina en 2008.

Grazas ao seu traballo, hoxe hai unha vacina contra o virus do papiloma, que esencialmente se aplica ás nenas antes de que comecen a ter relacións sexuais e se poidan contaxiar. No 2014 zur Hausen visitou Galicia no marco do Programa ConCiencia e avisou da pertinencia de vacinar tamén aos nenos, xa que despois de todo os varóns son un notable vector de transmisión. Por iso é boa nova que este martes a Xunta de Galicia aprobase a vacina do papiloma tamén para os nenos de 12 anos. Non só se reducirá a transmisión de xeito máis efectivo, senón que eles tamén se blindarán no futuro contra cancros orixinados polo virus no varón, como algúns orofarínxeos, en crecemento polo incremento das prácticas de sexo oral.