Setembro 2022

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

PILI PROL

01 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida que vivimos non ten billete de volta. Talvez este é o motivo, causa ou razón do agosto que onte rematou. Verín luciu o cartel de todo completo. Galicia enteira, tamén. Porque a vida que vivimos non ten billete de volta. E virus e contravirus, e agonías e desgrazas serviron para que a xente lanzase o lastre por babor para, por estribor, cargarse de esperanzas.

En setembro parecen fenecer as esperanzas. Os noticiarios falan da «depresión» do regreso ao traballo e eu pediría a eses noticiarios que non empreguen a palabra depresión tan frivolamente. As depresións fan crecer xeo na alma. Todo deixa de ter sentido. Escoito a palabra «depre» utilizada con liviandade, trivialmente, e encolerízome. A cólera do inútil que escribe para inaugurar setembro.

Aquí parecen enterrarse os horizontes. Algúns só poden ver o recorte imparable dos días, o negror que chegará a finais de outubro ás seis da tarde, as ausencias e os pecados que quedaron sen cometer durante o estío. Algúns non ven, coma min, na outonía o sol dos abrazos. Digo que setembro rima con vendima e viño, coa gama cromática máis extraordinaria e fascinante do noso país lindo, con frescor e rutina. Amo a rutina irremediablemente. Nos hábitos repousa boa parte da felicidade. Hai que crer nela, aínda que en ocasións parezamos náufragos en medio dunha illa sen árbores, deserta. Sen auga, deserta. Unha illa sen bos días nin boas noites, deserta. Sen mensaxes de amor na maleta.

Setembro é un mes para facer un trato coa vida: un pacto de bandeira branca. Paz. Ti non me ofrecerás moito, pero a cambio eu non pedirei demasiado. En setembro cantarán as rulas. E crecerá o trigo, aínda que non o vexamos. Setembro. Tranquilamente.