A gran noticia do verán

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

21 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Miro distraidamente xornais dixitais: dous pilotos dórmense en pleno voo e pásanse do punto de destino; son da aerolínea Ethiopian Airlines, a máis importante de África. Un can e un golfiño xogan xuntos nas augas do mar, nunha praia da Coruña... E, de súpeto, leo algo que me deixa atónita: investigadores dunha universidade de Canadá descobren un punto débil do covid-19 que abre a posibilidade dun tratamento eficaz e universal para todas as variantes actuais e futuras do virus. Releo a noticia porque en principio non ma creo, busco información en varios xornais e todos din o mesmo, pero coma se fose unha noticia máis, coma se non tivese a importancia necesaria para dedicarlle un titular en primeira páxina con letras de gran tamaño. A pesar de non manifestar entusiasmo, os xornais dan moitos detalles e transcriben as declaración do doutor Subramaniam, a figura máis importante nese traballo, que explica as características do que el chama a «chave mestra». Trátase dun fragmento do anticorpo VHAb6 e a súa función consiste en «unirse ao epítopo da proteína da espiga, bloqueando a entrada do virus nas células humanas». Tamén di que se pode fabricar no laboratorio. Rubén Darío escribiu no Responso a Verlaine o verso «Que púberes canéforas te ofrenden el acanto». García Lorca dicía que dese verso el só entendía «que». Pois iso pásame a min coas explicacións do doutor Subramaniam: só entendo que o tratamento que se pode derivar dese descubrimento é eficaz, universal e facilmente fabricable. Confiemos en que sexa verdade. E mentres, comparto cos meus lectores o que para min é a gran noticia do verán.