E se Putin levase razón?

Gaspar Méndez ECONOMISTA. PROFESOR DE XEOGRAFÍA E HISTORIA NO IES LUCUS AUGUSTI DE LUGO

OPINIÓN

MIKHAIL KLIMENTYEV / KREMLIN POO | EFE

20 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Debemos empezar dicindo que, en xeopolítica, levar razón é algo relativo e completamente alleo a toda consideración moral. Leva razón quen é capaz de impoñer os seus puntos de vista, sen importar os medios. Na actual crise ucraína, non parece que os Estados Unidos nin a Unión Europea estean moi dispostos a ceder nas súas razóns nin a negociar con Rusia, a pesar de que voces autorizadas, como a de Kissinger, suxeriran a conveniencia de facelo.

 Os americanos parecen ter pouco que perder, mentres que a Unión Europea xa está sufrindo o efecto búmerang das súas sancións. Aínda así, Europa mantén un alto grao de consenso, debido principalmente a que o Grupo de Visegrado está desactivado pola postura antirrusa de Polonia. Tamén ten que ver a aplicación de sancións á carta, con múltiples excepcións.

Pola súa parte, Rusia está aguantando bastante ben, tanto desde o punto de vista económico como militar. Parece ir completando pouco a pouco os seus obxectivos territoriais, sen que as contraofensivas ucraínas dean froito algún. Con todo, non parece que, de momento, europeos e americanos vaian torcer o brazo fronte a Rusia.

Debemos, de todas formas, ter en conta unha serie de factores que poden ser decisivos na resolución da crise, sobre todo a medida que imos achegando ao inverno. En primeiro lugar, é previsible que os republicanos tomen o control do Congreso nas eleccións de novembro, co que á Administración Biden vaille resultar moito máis complicado manter a axuda ao Goberno ucraíno. Europa sufrirá a inflación provocada pola escaseza de gas, pero tamén de uranio e outras materias primas fundamentais para a súa industria; e está por ver que isto non se traduza en conflitos sociais, como as recentes crises dos camioneiros canadenses ou agricultores holandeses.

Zelenski amosouse como un extraordinario propagandista da súa causa, pero recentes informes, como o da CBS, relativos á corrupción e ao destino do armamento e fondos enviados, van minando a súa credibilidade. Pero a que máis vai sufrir vai ser a propia Ucraína, e non só polo gas. Témese que, en canto os rusos rematen a desconexión da central nuclear de Zaporiyia, poida caer a súa rede eléctrica e provocar o colapso do país.

Así as cousas, non estaría de máis contemplar un posible escenario no que se acabase por aceptar as conquistas rusas. Loxicamente, e seguindo a Tsun Tsu, todos deberiamos gañar, polo que tampouco sería descartable unha desmembración de Ucraína, na que Hungría recuperase a Transcarpatia e Polonia os territorios perdidos en Potsdam, con Leopolis incluída. OTAN e Unión Europea ampliaríanse cara ao leste e todas as partes poderían presentalo como unha vitoria. Todos menos os que morreron, coma sempre.