Culpábel de si mesmo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

18 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de trinta anos perseguido, á fin o lograron. Salman Rushdie foi acoitelado no Estado de Nova York por un fanático relixioso que, amparado por este noxento intre de totalitarios, atopou a garda baixa. E, coma se Rushdie caese por accidente sobre o coitelo que o mancou na cabeza, o pescozo e o fígado, as autoridades iranianas axiña volveron culpar o propio escritor. Xa se sabe: escribir provoca.

Pode que xa esquecésemos o motivo da fatua ditada polo aiatolá contra Rushdie pola escrita dos Versos satánicos. Para entendernos: no conceptual, pouca diferenza habería entre aquilo e a posibilidade de que as persoas que cremos nos Reis Magos ditásemos unha sentenza de morte aos seguidores de Santa Claus para impoñer a celebración latina do Nadal. Ese é o nivel da estupidez, unha absurda situación da que somos cómplices todas as persoas cultas e demócratas que, non exentas de certa condescendencia arrogante, aceptamos tolerar os intolerantes.

Non hai xustificación posíbel de barbaridades amparadas pola chamada lei divina. Abonda xa de ter que pedir perdón por ser loxicamente ateas, científicas ou intelixentes, fronte ao fanatismo e a imposición relixiosa, pois no merecemento da liberdade non é comparábel a razón á crenza. A literatura e a libre expresión das ideas xamais competirán nesa liga de cánticos e versículos cargados de violencia que, polo visto, só uns poucos están chamados a interpretar.

Nós, as escritoras e os escritores, salvagardamos o dereito universal da Liberdade e do Saber, que nos pertence a nós, non a ningún suposto Deus ou a Santa Claus. Dá igual que nos maten. Por cada Rushdie agonizante, xurdirán vinte que saben que unha palabra fere máis fondo ca unha espada, pois posúe o poder inigualábel da razón.