Trump e as farolas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

JASON SZENES | EFE

15 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pode que pensen que facerlle caso a Donald Trump é seguidismo imperialista, pero o certo é que un goberno totalitario nos Estados Unidos, por moito que nos doia, ten máis efectos sobre nós que, eu que sei, a bonita deriva social do Goberno de Portugal.

Estes días, mentres nos preocupamos polas farolas acesas, xéstase o penúltimo paso para que Trump tome do poder: o 4 de agosto en Texas tivo lugar a Convención de Donantes do Partido Republicano. O convidado de honra foi... Orban!, moderado ao pé dalgún dos colegas millonarios de Trump que tanto axudaron no seu primeiro intento golpista, o esperpento do asalto ao Capitolio do 6 de xaneiro de 2021. Despois dese fracaso, iniciaron un proceso para garantir que Trump acceda á presidencia no 24 e logre perpetuarse no mellor estilo (surprise!) de Putin. O do Capitolio foi só o caldo primixenio desde o que alimentar hordas de neofascistas e tamén de xente normal disposta a crelo unha vítima: calquera acción contra Trump acaba alimentando un discurso que logra que cada vez se identifique con el máis xente. O proceso (que parte de acusar sen probas de fraude a Biden para que máis da metade dos estadounidenses dubiden da lexitimidade das súas institucións) segue: nas eleccións de medio mandato do vindeiro 8 de novembro, Trump logrará colocar monicreques seus en postos determinantes para a contaxe electoral. Non dubidarán en proclamalo vencedor, tanto se gaña coma se non. Os millonarios amigos reunidos en Texas poñen cartos para eles.

Como chegou Trump aí?

En Estados Unidos tamén é máis fácil aplaudir o discurso sobre rúas escuras que preguntarse por que non hai médicos. Serán preciosos os escaparates acesos ás 3 da mañá propoñéndonos ás mulleres distintas versións do uniforme do Conto da criada.