Entre «memes» e «memos»

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

No disponible | EFE

Non estou para frivolidades. De verdade, xa non. Chega un momento en que debemos ser conscientes de que se nos está indo todo das mans.

Non hai cambio climático, vaia. Por iso estamos sufrindo as vagas de calor máis grandes, por iso as árbores froiteiras están secando nas leiras, así que precisamos regalas cunha auga que, sinxelamente, non está, porque a seca xa é un feito. Pero se nos piden reducir o consumo de gas, nós negociamos para que sexa a metade do que se nos suxire. Así que seguiremos esquilmando todos os recursos sen decatármonos de que estamos camiñando cara a unha situación insostible.

Mentres, as linguas de lume que sigan a devorar superficie de solo. Xa non as veremos recuperadas no que nos resta de vida. Pero, para sentir que facemos algo, imos manter o aire acondicionado a 26 graos. Quizais sexa un pouco excesivo propoñelo para toda España, tendo en conta que no norte de Galicia cústanos subir de 25, así que será como poñer a calefacción. Outro motivo de chanza para a oposición.

Así van pasando os meses, pendentes do noso egoísmo, non vaia ser que botemos unha man, tomemos todo en serio e traballemos como conxunto da sociedade que somos. Non, iso non, que os votos só os queremos para nós. Se mentres o planeta se vai a pique, botámoslle a culpa a outro e punto, que iso si que se nos dá moi ben. Risa sarcástica e facer ferida dos erros alleos para tapar os propios. A ver se fai viral nas redes, que son as que mandan. Total, entre «memes» e «memos» non hai gran diferenza.