A Terra enferma

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Brais Lorenzo | EFE

10 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A sabia Mafalda estivo preocupada pola Terra durante varias tiras. Con cara de circunstancias ao carón dun globo terráqueo nunha padiola, cantaba «Sana, sana, colita de rana», porque, como comentaba a Susanita, á Terra doíalle Asia. Mafalda ben sabía que, cando unha bolboreta bate as ás en Rusia, un furacán chega a esta vetusta Europa, que pouco máis sabe facer que, no seu refinado estilo, engravatarse para recibir o aforro enerxético que xa era imprescindíbel moito antes de que Putin se convertera, de golpe, no chibo expiatorio do cambio climático. Porque despois de dous anos dando clase en decembro coas ventás abertas, despois de abrigarse en xullo para ir ao banco, e despois de cegar avións coas luces de Nadal, que o motivo do aforro enerxético a golpe de decreto só veña porque, basicamente, estamos en guerra, demostra que os nosos niveis de estupidez fannos merecedores das medusas da ría de Vigo, dos incendios ibéricos desmedidos e de gobernantes tan absurdos que consideran que as rúas máis escuras son feas, ou sexa, de pobres.

Hai uns días, un físico explicaba nunha apaixonante entrevista radiofónica que as leis da natureza, tal como as expresamos agora, impiden viaxar no tempo ao pasado, pero non ao futuro, mais que non sabemos se, nuns séculos, existiría esa posibilidade de regresión. «O feito de que non teñamos turistas do futuro por aquí parece demostrar que tampouco a ciencia posterior a nós será capaz de viaxar ao pasado», dixo, «aínda que hai unha posibilidade máis estarrecedora». Cal?, preguntoulle a xornalista intrigada. «Que a humanidade sexa aniquilada antes de descubrir como viaxar ao pasado para resolver a desfeita que nos destruirá». Como diría Mafalda: paren o mundo, que quero baixar.