Topónimos

OPINIÓN

02 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Habitualmente uso unha web de meteoroloxía por satélite que me resulta moi útil. Nela introduzo o lugar que me interesa e obteño todo tipo de datos meteorolóxicos: temperatura, choiva, vento, probabilidade de tormentas... O caso é que nela fun descubrindo que temos topónimos galegos, ou cando menos coincidentes, espallados por medio mundo. Algo diso xa sabía, pero quedei asombrado da cantidade. Sen facer un estudo minucioso souben que o topónimo Coruña tamén o atopamos no estado de Cohuaila, en México; Coruña del Conde, en Burgos; Corunna, unha en Míchigan, outra en Indiana (Estados Unidos), outra en Canadá e tamén Corunna en Nova Gales do sur, no sueste de Australia. Lugo témolo na rexión norteña italiana da Emilia?Romagna, tamén hai Lugo de Vicenza na do Venetto e Lugo de Llanera na veciña Asturies. Hai un Orense, en castelán, ao sur do río da Prata, na Arxentina; dúas Pontevedra nas Filipinas e outra nos Estados Unidos. Betanzos hai dous en Bolivia e un Melide na Suíza, moi pretiño da fronteira con Italia. Ferrol aparece nas Filipinas e tamén no estado de Virxinia (EE.UU.). Tuy, en castelán, témolo nas Filipinas e tamén nestas illas unha cidade chamada Dasmariñas fundada no século XVI por un militar e diplomático chamado Gómez Pérez das Mariñas y Ribadeneira, nacido en Mondoñedo e que foi gobernador do arquipélago. Non podían faltar dous Vigo nas Filipinas, outros dous en Inglaterra, polo menos catro en Italia e outros tantos nos Estados Unidos. E por suposto tamén Compostela, da que temos como mínimo tres en México, unha delas foi capital do que no seu tempo se chamaba Nueva Galicia, e outra en Filipinas, onde parece que houbo unha importante influencia galega se temos en conta os topónimos. Hai tamén unha vila chamada Galegos en Portugal, na raia con Estremadura, moi preto doutra chamada Carbajo que ten un himno popular que comeza dicindo: «Santa Marina de Galicia…». Tamén un par de Galizia en Italia, unha Galitzia polaco/ucraína e un Galicias en Porto Rico. Para rematar, dicir que hai unha comuna chamada Caurel, pertencente ao departamento bretón de Côtes d'Armor, que non é tan montañoso coma o noso e que neste caso non foi a web meteorolóxica quen mo amosou, senón que fun eu o que pasei por alí nalgunha ocasión.