Viva a Costa da Morte

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denis E. F.

30 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O resplandor de cristal rugoso da lámina de auga nunha xornada de vento suave, a apertura do horizonte e a profundidade do océano invitan ao goce da beleza e ao pensamento vagaroso. Fronte ao mar, os egos, exacerbados nos longos meses de incomunicación, eslúense e pasa diante dos nosos ollos o eterno dilema da vida e da morte. Na Costa da Morte hai moita vida.

A espléndida enseada que, entre Fisterra e Lira, abrangue Corcubión, Cee, Ézaro, O Pindo, Caldebarcos e Carnota aparece a simple vista comedida na súa expansión. As poboacións están enfiadas pola perseverante arquitectura miúda dos pescadores e as vellas fábricas de salga, orlando os camiños de andar ao mar, como din por esta contorna. Amplas áreas protexidas pola lexislación, aínda que, na miña opinión, a principal defensa foi a forza do vento e o mar na invernía, a frialdade das augas, que disuadiron dos desatinos residenciais que caracterizan outras zonas do litoral peninsular.

O dilema é acertar co límite das implantacións industriais, piscifactorías e aeroxeradores. Decisión difícil porque non é posible prescindir delas. Cómpre barallar un conxunto de factores: o emprego e a fixación de poboación, a explotación racional dos recursos e a transición enerxética, a xestión de residuos e a calidade das augas, no cadro dunha paisaxe convertida en arquitectura, porque os edificios en primeira liña de mar e as balsas coas súas negras cubertas, os muíños eólicos que crucifican os cumes, son presenzas ineludibles.

Remodelar as instalacións existentes e programar as novas supón, sen dúbida, acertar na combinación dalgunhas claves: a reversibilidade, o respecto pola topografía de rochas, dunas e montes, a garantía da servidume de paso público, mesmo os materiais e as cores.

A vía do traspaso das competencias para a xestión das actividades costeiras parece pechada, pero é posible que a Galicia, cunha das maiores extensións de litoral da Unión Europea, lle interese conseguir atribucións consorciadas coa Administración do Estado, que conta cunha infraestrutura técnica cualificada e con orzamentos.

Contemplando desde Carnota o ígneo perfil do Pindo, morada mítica dos deuses, e a variedade infinda dos azuis lembrei os ollos garzos de Peter Brook en Compostela, coa man como viseira, tal se estivera mirando ao mar. A desaparición do gran director inglés tráenos á memoria a irrepetible experiencia das dúas obras que presentou no ano 1998 no vello cine Capitol.