Xesuítas, franciscanos e inflación

pedro puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

M.MORALEJO

19 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos, paseando á beira do mar de Porto do Son, un franciscano exemplar explicoume a diferenza entre a súa orde e a dos xesuítas: mentres que o franciscano lle pregunta ao seu confesor se pode fumar cando reza, o xesuíta o que pregunta é se mentres fuma pode rezar á vez. No ámbito fiscal, e máis recentemente, Feijoo nos ten interpelado, á franciscana, se mentres suben os prezos podemos incrementar aínda máis os impostos e o gasto, como está a facer o Goberno; ao que a vicepresidenta Calviño, máis xesuítica, ten contestado con que ao tempo que reducimos o déficit podemos incrementar o gasto grazas a unha maior recadación fiscal.

Desde o punto de vista fiscal, a inflación actúa como un imposto. Un imposto silencioso e oculto aos parlamentos e á cidadanía, que opera a través de practicamente todo o sistema tributario. No imposto sobre a renda, porque diminúe o valor dos mínimos exentos, das deducións e das exencións; e porque os incrementos nominais de renda tributan máis que proporcionalmente como consecuencia da tarifa progresiva (a chamada progresividade en frío). No imposto que grava a renda das sociedades, a presión fiscal tamén se incrementa pola progresividade e a perda de valor do diñeiro na amortización do capital ou na valoración das existencias. Nos impostos que gravan o consumo, porque os tipos proporcionais (como os do IVE) se aplican sobre prezos máis altos, co que se incrementa a recadación por actos de consumo tamén sen cambios na normativa tributaria.

A inflación non só beneficia ás Administracións públicas polo incremento dos seus ingresos (sen autorización parlamentaria), senón tamén cando, como é no caso das facendas españolas, se atopan endebedadas: se os cidadáns dun país posúen o 30 % da débeda pública dese país, unha inflación anual do 10 % supón unha perda (un imposto) para os subscritores desa débeda nada menos que do 3 % do PIB. Finalmente, as Administracións aforran unha porcentaxe equivalente á inflación existente nas transferencias cara ás familias e ás empresas. En resumo: máis ingresos e á vez máis gasto e redución do déficit a curto prazo. Iso si: grazas ao silencioso imposto da inflación que pagamos todos.