Os desafíos da lingua

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Xoan Carlos Gil

29 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucos días, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago presentaron o proxecto Nós de intelixencia artificial, un ambicioso (e necesario) plan de traballo para incorporar a lingua galega ás novas tecnoloxías da comunicación, moi principalmente ao que comunmente denominamos a linguaxe das máquinas. 

Lembrade ese vídeo que se fixo viral hai pouco no que aparece unha nena de tres anos intentando dialogar en galego inutilmente cun dispositivo dixital que non a entende. «Ti non sabes», dille a rapaciña, arredándoo de si. O mundo vive momentos de alta aceleración e a lingua galega non queda á marxe.

Teño diante de min o último número da revista Grial (233), que vén de saír cun monográfico dedicado aos desafíos do galego no tempo presente. Non é a primeira vez que falamos disto. De feito, cando tiven a honra de ser recibido como académico numerario na Real Academia Galega (RAG), o meu discurso versou sobre estas cuestións, acolléndome a esa afirmación tan repetida do sociólogo Neil Postmann, segundo a cal, as culturas (e as linguas) enfróntanse periodicamente a encrucilladas que, en certa maneira, as poñen a proba. Aquelas que non superaron a escrita ficaron fóra da historia, a tecnoloxía do libro (Gutenberg) peneirou unha chea delas, logo viñeron os medios de comunicación de masas, a revolución do cinema, a radio e a televisión… Agora, internet e as redes sociais.

Os meus alumnos de 19 a 22 anos apenas consumen televisión, que ata hai poucas datas era o medio masivo de acceso á información e o entretemento. Hoxe mandan as plataformas, as computadoras portátiles e, moi fundamentalmente, os móbiles. A media de dispositivos deste tipo anda por 1,5 unidades por individuo. O 99 % da poboación entre 16 e 34 anos usa decote utensilios electrónicos para todo: información, relacións sociais, lecer, documentación, servizos, etcétera. A socialización, que no tempo dos nosos avós, era maioritariamente un proceso case que de contacto físico ou persoal, hoxe realízase moi fundamentalmente a través das máquinas e programas informáticos.

Cando falamos do presente e do futuro do galego temos que abordar esta realidade con novas perspectivas. Tamén con recursos, coñecemento e afouteza (vontade política). De ai a importancia do proxecto Nós que comentamos. Oxalá non fique en retórica de ocasión.

Nas primeiras décadas do pasado século XX, a estratexia centrábase no sistema educativo. Unha vez que a lingua accedese á escola, dicían os nosos clásicos, o futuro estaba garantido. Hoxe xa sabemos que non é así. A escola segue sendo fundamental, certamente, igual que o compromiso das familias, mais tanto unha coma a outra están insertas nun contexto moito máis amplo (global) que o condiciona todo. Non só no que se refire ao idioma. Atinxe ao conxunto do patrimonio e os valores sociais.