Vasalaxe

OPINIÓN

Raúl Terrel | EUROPAPRESS

26 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Rubem Fonseca di que a realidade só existe se hai unha palabra que a defina. Mais nestes días, aínda conmocionado pola inesperada morte de Domingo Villar, non son quen de atopar algo que conteña o verdadeiro significado da visita do rei emérito, unha ficción esperpéntica que mesmo produce vergonza allea. A maior estupefacción vén das reverencias que lle renderon acatamento a alguén que se saltou todas as normas, que se enriqueceu de forma ilícita e que, talvez nun acto de vinganza familiar, se achegou a ese paraíso relambido de Sanxenxo para se ir de nó e dunha realidade que se inscribe no dominio da insensatez. Hai quen di que detrás desas reverencias está un aplauso convencido ao neoliberalismo e á corrupción, pero eu creo que hai algo máis próximo á propia submisión, unha actitude que me fixo lembrar unha escena de hai anos, cando estaba nunha praia da Costa da Morte e vin dende a miña toalla a dúas familias falando a eito sen lles prestaren atención aos xogos dos fillos, que eran dous nenos, un de sete e o outro de catro anos, máis ou menos. Mentres as familias se enredaban en discusións sobre a actualidade política, o maior abusou o que quixo do pequeno e mesmo mexou por el, momento en que o coitadiño deu en chorar e foi dar queixas ao seu pai, que non só non reparou no que viña de pasar senón que lle arreou media labazada por mexericas. Aquilo pareceume unha inxustiza tan grande que non dubidei en interromper a conversa para confirmar o que en realidade viña de pasar, pero o pai do neno agredido espetoume que aquilo non era asunto meu e marchei de alí fungando, sobre todo porque tamén me decatei de que o pequeno xa andaba ao rabo do maior que o maltratara, como aceptando unha vasalaxe incomprensible.