Quen se forra nesta crise?

Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

CÉSAR TOIMIL

15 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que remontarse 40 anos para atoparnos cunha escalada de prezos como a que hoxe soportan familias, clase traballadora e empresas, con consecuencias dramáticas: empobrecemento da maioría social, dificultades para competir e, por tanto, miles de empregos en risco.

O detonante é o obsceno prezo da enerxía para maior gloria dunha presa de multinacionais que se están forrando. Hai ganadores, pero tamén sabemos quen perde: vostede, que vive dun salario que cada vez da para menos; vostede, que pasa horas nun camión pero apenas cubre gastos; vostede, que ten unha explotación gandeira e produce por debaixo de custes; vostede, que é autónoma e intenta resistir.

A invasión rusa de Ucraína agravou a crise, pero a estafa da luz é moi anterior. No 2021 catro empresas obtiveron un beneficio de 11.054 millóns de euros: Endesa, Iberdrola, Naturgy e Repsol. Por pura xustiza social, o BNG pediu subirlle impostos para que contribúan a sufragar a crise de prezos coa que se lucran. Pero PP e PSOE din non, que para iso funcionan as portas xiratorias que cruzan ex altos cargos para recolocarse nos consellos de administración con salarios millonarios. A contraprestación é un marco lexislativo á medida das enerxéticas, no que o custe da luz sae dunha poxa na que prima a enerxía máis cara. Non importa que a maioría veña de fontes baratas, porque pagamos todo ao prezo da enerxía máis cara, que agora é o gas. Chámanlle beneficios caídos de ceo; tamén lle poderíamos chamar timo.