A forza da palabra

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

JOSEP BORRELL / TWITTER | EUROPAPRESS

11 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Confío no valor e na forza da palabra. Quizais sexa un pouco ilusa, pero non quero deixar de facelo. Cando vou aos encontros nos colexios intento, por riba de todo, gañalos co que eles me pregunten e eu lles conte. Quizais prefiran máis apoio visual e audiovisual, pero se vou comentar unha historia, prefiro centrarme na ferramenta que uso para creala, e esa non é outra que a palabra. Non ten demasiado misterio.

 Por iso é sorprendente que nos medios non deixen de admirarse ante os discursos de Zelenski. Denomínano animal comunicativo. A política, a calquera nivel, non debera ser iso, comunicación? Algo vai mal se o que nos estraña é o poder de transmisión, tanto de ideas como de sentimentos.

Para participar da vida necesitamos informar, revelar, avisar, facer saber... Non é algo novo, senón parte da nosa identidade como persoas, unha necesidade.

Hai frases e discursos que se converteron en históricos. A palabra, polo tanto, aínda debe ter algo de valor cando, pasado o tempo, continúa a surtir efecto. Non é tan certo iso de que as palabras as leva o vento. Por iso mesmo, que Zelenski recuperara fragmentos doutros discursos para adaptalos ao propio é unha estratexia sinxela e efectiva.

A todos os detractores da mesma, aos os que afean que a palabra só é palabra, tan só hai que lembrarlles que o problema non é que Zelenski domine o discurso narrativo e apoie a súa actitude nel, o problema é non ter interlocutores igual de intelixentes para que esa sexa a única vía de entendemento.