A nube

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

MARTINA MISER

10 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois do entroido, chegaron as chuvias. Non moito. As suficientes para causar un gran derrame. Eu non sei que facer para consolar ao primo Gerardo. Inténtoo, pero nada. Sumiuse nun estado de tristeza que non levanta. El, que arquiva todos os seus escritos en cadernos. El, que sempre se negou a usar ordenadores pola desconfianza de que todo se perdese. Sempre mo dixo: «Neno, todo o que está na nube pode desaparecer en calquera momento, un ataque informático, un virus, esas cousas que saen nas noticias cada día; a min non me van coller nunha desas». O temor á nube de internet impulsouno a coleccionar ducias de cadernos que tratan asuntos diversos: dous mil alcumes de xentes de Verín; día e causa da morte de persoas relevantes da vila; goles de Messi, minuto exacto e posición dende a que foron marcados; fotos do Verín vello; unha colección de selos da súa neta, Nahir; seiscentos títulos, co seu cartel, de películas exhibidas no cine Buenos Aires ou no Oterino; nome dos bares que pecharon nas últimas décadas... e outros asuntos que, pola extensión da columna, non podo facer explícito. Como no salón da casa xa non cabe tanto caderno, tivo a idea de levalas ao faiado. Pero viñeron as chuvias tras o entroido. Esta semana quixo facer unha consulta nun dos seus cadernos almacenados arriba. Algo pasaba. Unhas pingas de auga corrían polos estantes. Empezou a suar, tremelicou, púxose pálido. As chuvias encontraron unha regandixa no teito por mor dunha reparación: a antena de televisión. Chamoume de contado. Pensei que pasaba algo. E, efectivamente, pasaba: molláronse e esnaquizáronse moitos dos seus cadernos. El só puido dicirme: «A nube, neno, a nube». Chovía en Verín.