Que futuro para o galego?

Henrique Monteagudo
Henrique Monteagudo MEMBRO DA REAL ACADEMIA GALEGA

OPINIÓN

Marcos Míguez

07 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os resultados da enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia, publicados este fin de semana, veñen a confirmar un panorama da situación e da evolución do galego que se constata a cada paso. Semella que a tendencia cara á desgaleguización das décadas pasadas nos aboca a unha minorización cuantitativa do idioma propio de país. A novidade consistiría en que por primeira vez se rexistra unha porcentaxe lixeiramente superior de castelanfalantes habituais (40,9 %) sobre galegofalantes (38,4 %). Canto a isto, cómpre ter en conta dous matices: o erro da mostra da enquisa é do 2,86 % (maior cá diferenza entre o castelán e o galego) e, ademais, a porcentaxe dos que falan as dúas linguas por igual (17,8 %) é de abondo elevado como para que non se poida aínda afirmar que o castelán é a lingua habitual maioritaria da poboación galega.

Un exercicio ben interesante para avaliar con perspectiva estes resultados sería comparalos cos de enquisas previas, por mor de comprobar a dirección e o ritmo de aceleración da tendencia. Por sinal, os resultados de enquisa do Instituto Galego de Estatística do 2018, comparados cos do 2013, rexistran un freo na caída do galego, e incluso unha lixeira recuperación nos grupos de idade máis novos (de 5 a 29 anos). Coas anteriores observacións non pretendo restar credibilidade ao solvente —coma sempre— traballo de Sondaxe, nin aminorar a significación ominosa dos datos.

Pretendo, si, acautelar contra o catastrofismo. O idioma propio de Galicia —propio porque aquí naceu— continúa a ser a lingua minorizada de Europa cunha porcentaxe maior de falantes sobre o conxunto da poboación. Pero para non perdermos esta honrosa situación cómpre que reflexionemos todos e cada un dos cidadáns e cidadás, e moi especialmente os responsables políticos e institucionais (incluíndo os centros de ensino, as universidades, as empresas, os medios de comunicación, as familias, etcétera.) se estamos facendo todo o posible e o necesario —o imprescindible— para que as persoas galegofalantes, desde a súa infancia ata súa vida adulta, nos lugares de estudo e de traballo e nos ámbitos de lecer, nas diferentes facetas súa vida diaria, poidan desenvolverse en liberdade e en igualdade.