Mala mar

Pedro Puy PORTAVOZ DEL PPDEG EN EL PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

A. Pérez Meca | Europa Press

20 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nada pesa máis ca mar». Compunxidos e desacougados. As tristes novas que aos poucos van chegando do mar de Terranova a partir do pasado martes levantan unánimes manifestacións de solidariedade e agarimo coas familias dos mariñeiros do Villa de Pitanxo. Algúns, na procura de entendemento, voltamos a ollar Buena mar, o fermoso libro de Antonio Lucas, o escritor de terra adentro que embarcou no Nuevo Confurco para acompañar aos seus tripulantes no Gran Sol. Saíu da capital para facer unha reportaxe xornalística, levando no macuto, ademais de varias ducias de calcetíns grosos e secos e un alixo de Biodramina e Primperán, dous bañadores estampados. Semanas despois, xa de volta en terra, conclúe: «Nada pesa máis ca mar».

«Os cidadáns corremos o risco de comportarnos cada vez menos como adultos responsables e máis como nenos caprichosos que atenden ao seu interese inmediato sen preocuparse de ningunha outra consideración…. Nenos que poden pelexarse por calquera cousa. Nenos que por xogar á pelota no salón poden facer anacos a vaixela da aboa». Perplexos e cabreados. Así quedamos moitos, a partir do xoves, asistindo ao carrusel de manifestacións públicas desde a dirección nacional do Partido Popular e a rexional de Madrid. Algúns, supoño que menos, voltamos a ollar ese outro libro, Política para adultos, no que Mariano Rajoy da conta da súa última singladura política. Reivindica para a política os valores da madurez: «O principio de realidade, a contención, e a responsabilidade». Critica a «deriva», xusto na dirección contraria, da política nos últimos tempos, cando «temos infinidade de problemas que deben ser abordados no ámbito público» e que se agravarán «se non lles facemos fronte con madurez e responsabilidade».

Hai semanas, como esta última, nas que a actualidade e as portadas dos xornais permiten fixar prioridades. O afundimento do Villa de Pitanxo, que dramaticamente nos coloca diante da dura realidade vital dos mariñeiros, da solidariedade das xentes do mar que corren prestos a socorrer aos compañeiros en dificultades, e da dor e os problemas que afrontan e afrontarán as súas familias. Da importancia do exercicio responsable da política para acompañar e axudar a quen a vida golpea de xeito tan brutal. As incomprensibles disputas publicitadas entre dirixentes políticos, pola contra, evidencian o banal que pode chegar a ser a política, cando se converte nun espectáculo de xogos de pelota nos que non importa esnaquizar a vaixela da aboa. Hai semanas, como esta última, nas que se pode sentir orgullo por militar ao lado dunha conselleira do Mar e dun presidente que traballan con empatía para aliviar as consecuencias dunha traxedia; e nas que, ao mesmo tempo, se sinte vergoña pola inexplicable disputa pública que outros conmilitons están a protagonizar.

Ao chegar ao momento da despedida («a que no ha sido para tanto, chaval!»), o patrón galego do barco lle di ao escritor: «Xa viches o que é isto, para que logo digan que o peixe é caro». E inmediatamente aporta, desde a cuberta do seu barco, a súa solución para que os que tal cousa pensan cambien de opinión: «Aquí metía el mes y medio que nos queda a los que se quejan…». Non é mala a solución. O pouco coñezo ao Partido no que milito, ou seríamos moitos os que estaríamos dispostos a facilitar o alixo de Biodramina e Primperán.