A vida nun clic

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Funeral por las víctimas en Elche
Funeral por las víctimas en Elche MORELL | EFE

15 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten que haber algo que non encaixe. Un clic que falta nalgunha conexión neuronal, un cortocircuíto que, sen pensar, fai saltar unha faísca que provoca a maior das traxedias... Non sei o que, porque escapa moi lonxe do meu entendemento. Tripla parricidio. Tripla. Primeiro a nai, logo o irmán pequeno que chegou alertado polo estrondo e, horas máis tarde, o pai. Mínimo un par de tiros de escopeta a cada un.

 Pode terse o sangue máis frío, si. Amoreou os cadáveres no garaxe e seguiu coa súa vida normal. Supoño que volvería conectar o wifi ao teléfono e poñer en marcha o videoxogo que lle prohibiran polos malos resultados académicos, pois ese era o motivo de acabar coa vida da súa familia.

Así pasou tes días ata que a tía chamou á porta da casa, preocupada por non saber nada da súa irmá. Atopouno só e, ao preguntarlle que pasaba, explicou o sucedido. Sen voltas. Discutiran e matáraos.

Non sei que clic debeu producirse na cabeza da muller, deberon saltarlle miles de faíscas a un tempo. Marcou o 092 e... non fora un pesadelo.

Son incapaz de entender o máis mínimo. Canta perversidade se pode agochar nunha cabeza, nun corazón? Que detonación fai que a xenreira acumulada transforme a un fillo, a un irmán, nun asasino? Produce algún tipo de consecuencia?

O que máis me asusta é a frialdade, o non-arrepentimento. Ser capaz de ir segando vidas consecutivamente, agardando incluso horas entre asasinato e asasinato.

Penso no terror das tres persoas antes de ser asasinadas. Tan só cun clic.