Un papa comunista

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tamén a min me sorprendeu que ao saír do Vaticano Yolanda Díaz falase do «santo padre» e non do papa Francisco ou do pontífice, ante as cámaras de televisión; pero, claro, estaba emocionada, que viña de celebrar unha «cumbre comunista» ao máis alto nivel, como ben dixo a sagaz Macarena Puentes, secretaria de Comunicación do PP de Madrid. Moito reconforta atopar na política xente lúcida e cualificada como esta Macarena, que anticipou o que ía ser o encontro. Porque Francisco e Yolanda repasaron os Principios do comunismo, que é coma o catecismo do padre Astete, con preguntas e respostas, pero sobre a fe comunista. E leron algúns parágrafos de O capital, do Manifesto Comunista e da Sagrada Familia, un título irónico para un texto político que nada ten con María, Xosé e o neno. Todo coa música ambiental da Internacional, interpretada polos Coros do Exército Ruso. Unha gozada. Pasárono pipa.

É fábula, claro; pero non maior que a da dereita española cando pon medo ao electorado co «goberno socialcomunista» de Pedro Sánchez. Ademais dos Carlos Monedero, Pablo Iglesias, Pablo Echenique e algúns outros nostálxicos dun sistema que non coñeceron e polo mesmo non sufriron, onde están os comunistas revolucionarios en España? Desque Carrillo presentou o Eurocomunismo, en 1975, rexeitando a oficialización dunha ideoloxía de Estado e defendendo a coexistencia das xestións pública e privada na economía; ninguén no PCE volveu falar da «ditadura do proletariado», nin da «socialización dos medios de produción». O que queda do PCE é hoxe un partido socialdemócrata un pouquiño máis reivindicativo que o PSOE, e Yolanda ten tanto coa Pasionaria como coa madre Teresa de Calcuta.

Porén, a fábula máis disparatada que coñecín na última década é a dun papa Francisco comunista, argallada pola ultradereita católica e aceptada por boa parte dos dirixentes do PP. Antes chamáranllo a monseñor Romero, o bispo asasinado polos militares golpistas de El Salvador, en 1980. O papa Xoán Paulo II non atendera no Vaticano a denuncia que lle fixo da persecución que estaban a sufrir os sacerdotes e exhortouno a levarse ben coa xunta militar, «pola paz social». En 1983, o papa visitou El Salvador, mandou abrir a catedral e orou ante a tumba do mártir. Rouco Varela nunca tivo remorsos e, en 2015, presionou aos bispos para que non asistisen á «beatificación política» de monseñor Romero; e non foi ningún. O papa Francisco, como monseñor Romero, é un conservador; pero tamén católico e cristián. E aí está o problema da dereita católica española, que confunde o cristián co comunista. Porque católico é calquera; pero o cristián ten que asumir o Sermón da Montaña: benaventurados os pobres de espírito, os que choran, os humildes, os que teñen fame e sede de xustiza, os limpos de corazón, os misericordiosos…