Como de nacional é un premio?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

VÍTOR MEJUTO

28 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é misterio ningún, e si denota virtudes, que Xesús Fraga merecía un premio nacional e que lle chegaría antes ou despois. Hai escritores así, cun don que atrapa miradas que os recoñecen, produto dunha suma de talento, acerto literario e, quizais, algo de sorte. O premio só é, para eles, a variña máxica que os fai brillar. Pero cando se chama Premio Nacional de Narrativa e recae sobre unha novela galega, debrúzanse sobre ela a maxia da lectura na lingua vedada e o privilexio do acceso ao nivel descoñecido dun país enteiro. A atención, as vendas e as lecturas de todo premio convértense aquí en conquistas para toda unha literatura e a súa lingua, que consegue das variñas do Estado o que non fai a xestión do seu propio Goberno.

É curioso que leve o nome de «nacional» un premio que procede dun certo imperialismo literario que olla as demais literaturas do seu territorio con condescendencia, coma se a riqueza inmensa dunha lingua propia na que escriben os escritores con don fose de bagatela nos casos galego, catalán e vasco, linguas claramente menos consideradas na nómina do galardón (e xa non digamos se, ademais, es autora). Por iso nós, tan afeitas ao cainismo dos ambientes literarios, deberiamos facer propio o Premio Nacional de Narrativa para Virtudes e misterios, un libro que o seu autor podería ter escrito en inglés, por certo. Como escribas desta lingua que agoniza, precisamos o don de Xesús Fraga para colocarnos do outro lado do telón de grelos. Non saben o difícil que é iso.

Declarémonos desde xa okupas do talento literario deste autor que, desde a súa virtuosa temperanza, colocou o cambio xeracional da novela galega no mapa dun Estado que, de vez en cando, en lugar de esmagar nacións, as eleva coas ás do talento.