Unha flor para as mulleres de Kabul

Xosé María Torres FARMACÉUTICO E MEMBRO DE FARMAMUNDI

OPINIÓN

STRINGER

20 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ese foi o lema dunha campaña europea de sensibilización e denuncia que se puxo en marcha en 1998 para defender os dereitos das mulleres en Afganistán, socavados coa chegada dos talibán ao poder en 1996, hai hoxe 25 anos. Curiosamente recibiran axuda militar dos EE.UU. para loitar nos anos 80 contra a ocupación da URSS, que, derrotada, deixou o país. Alí os talibán impoñerían un réxime teocrático medieval: obriga do burka e prohibición de traballar ás mulleres, e da educación das nenas maiores de dez anos.

No 2001 tiveron lugar os atentados do 11S contra contra o World Trade Center e o Pentágono. EE.UU. clamou, como Catón o Vello, aquelo de Delenda est Carthago (hai que destruír Cartago), pero cambiando a inimiga de Roma por Afganistán. Ese sería o castigo por acoller aos membros de Al Qaeda, responsábeis da acción terrorista. Que, ademais do propio Bin Laden, 15 dos 19 executores, como Mohammed Atta, naceran en Arabia Saudita, país de orixe do wahabismo suní, unha concepción extremista do islam, pouco importou. Arabia Saudita era aliada de EE.UU. e fervente compradora de armas norteamericanas.

Os estadounidenses desprezaron a historia, complexa e cíclica, de Afganistán, un país de guerreiros curtidos en mil batallas, e apoiados por unha orografía infernal (máis de cen picos superan os 6.000 metros), pouco apropiada para movementos de exércitos organizados. Que llelo digan aos británicos, que en xaneiro de 1842 sufriron en Gandamak unha das peores derrotas do seu exército, cando unha columna anglo-británica de 5.000 soldados e 12.000 civís foi aniquilada ao retirarse de Kabul. Á fortaleza de Jalalabad, nas portas da India, a xoia do Imperio Británico, chegou, medio morto, unha única persoa, o médico do destacamento.

Pero os americanos levaron a cabo no 2001 o seu castigo, ocuparon o país, implantaron unha pseudodemocracia corrupta... e 20 anos despois abandónano, derrotados, coa imaxe de Vietnam presente... e volven os talibán.

Aquela campaña, Unha flor para as mulleres de Kabul, fora impulsada pola mediática Emma Bonino, directora da Oficina de Acción Humanitaria da UE, moi coñecida en Galicia por desempeñar a carteira de Pesca comunitaria. Que pasará hoxe coas mulleres afgás? Quen defenderá os seus dereitos? Quen será a nova Emma Bonino?