Robots compañeiros

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

KHALED ELFIQI | Efe

20 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia puxo ao día realidades de hai moito. Entre elas, a dos robots. A robótica é unha tecnoloxía que comezou a tomar forma cando a electrónica de estado sólido (díodos, transistores e circuítos integrados) estaba nos laboratorios: arrincou pola necesidade de realizar tarefas mortais para os humanos, nas centrais de enerxía nuclear.

A ficción científica logo espallaba mitos dun mundo onde os humanos ían crear robots humanoides que acabarían dominando as vidas e facendas dos seus creadores. Curiosamente, cumpriuse parte da profecía, pois hoxe están á venda criaturas electromecánicas con cuberta carnal, bonecas feitas para imitaren o que só cabe en soños eróticos. Mais, porén, o que importa non son os robots humanoides senón os que, mesmo con formas repulsivas, alivien os humanos de quefaceres difíciles ou perigosos.

Cando xurdiron os primeiros autómatas, os seus creadores non podían albiscar a potencia da telemática actual, da sensórica e da intelixencia artificial instalables nas máquinas; nin que fose aparecer un concepto que toma forma por todo o mundo: o traballo colaborativo entre humanos e robots, que leva a unha realimentación positiva de produtividade e calidade. Son os compañeiros que non cobran polo choio, nin paran para tomar café ou ir ao cuarto de baño.