Cuba, si!

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

CRISTOBAL HERRERA-ULASHKEVICH

27 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Revolución, é un concepto histórico. Como é sabido, a palabra, antes da francesa aplicábase exclusivamente ao movemento dos planetas -translación- e ás voltas das máquinas. Pasa o mesmo coa palabra revolta, que en galego ten o significado de darlle a volta á terra erma e póla en produción. De aí o topónimo. O modelo francés de revolución política liberal estendido durante un século foi renovado polo modelo soviético ao longo de sete décadas prolongadas polas revolucións da segunda posguerra mundial. A este derradeiro ciclo pertence a revolución cubana que en 1959 derribou a ditadura. A seguinte revolución, a do 68, xa foi a primeira da xuventude con recursos.

Os tres modelos son históricos e responden a conxunturas mundiais definidas por condicións e características comúns, dende a lóxica histórica occidental. Os cento vinte oito anos do ciclo revolucionario que inaugurou Francia foi antecedido pola revolución norteamericana en máis dunha década; a marca francesa dá conta do real eurocentrismo da época. Aquela xeira, que continuou coas independencias das repúblicas americanas, coincide coa grande transformación industrial tamén denominada revolución por analoxía, protagonizada por Inglaterra. A quenda soviética cadrou coa segunda onda da industrialización e a da posguerra foi acompañada da revolución verde que industrializou a agricultura. En que momento estamos hoxe verbo da revolución? Cando un produto, programa ou anuncio de TV son revolucionarios, cando a proposta de revolución é conservadora até se asociar a Thatcher ou o neoliberalismo, cando o comunismo-capitalismo chinés é un modelo empresarial, quizais cómpre empezar a reparar no cambio de significado das palabras e dos procesos. Asumilo é asumir -entender- o cambio histórico. Hoxe o futuro agrario constrúese recuperando as lóxicas produtivas anteriores á industrialización, a mesma industrialización -a primeira e a segunda- deben repensarse e a era atómica considérase un mal soño. Pensar hoxe a emancipación (americana) a liberación (das escravas) e a igualdade (entre clases) require desfacerse de pexas e inercias, porque os partidarios das cadeas para as colonias e os individuos e da desigualdade económica e social son atemporais, sempre estarán aí.

Falo de Cuba, a súa revolución tivo apoio social, xerou esperanza dentro e fóra da illa. Foron tempos. Moitos deron o mellor da vida pola revolución, alí como en todo o mundo, entre a década dos sesenta e a dos oitenta. Pasado. O futuro de Cuba se non hai democratización e pluripartidismo está escrito na Rusia de Putin ou na China actual. O asunto non sorprende. Víctor Serge, tradutor de Lenin e bolxevique de oposición explicouno dende a cerna da revolución soviética: sen liberdade de expresión, de crítica, de prensa, de partidos, de oposición só se chega ao que el xa chamou totalitarismo, á ditadura. Quen protesta en Cuba quere democracia e benestar. Os meus curmáns Vladimir e Fidel tamén.