Terzos e quintos

Pedro Puy
Pedro Puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

Antes de Internet, cando quedabas cos amigos no bar para tomar unhas cervexas, se chegabas con moita sede e contabas con marchar pronto, pedías un terzo. E se tiñas pouca sede, e contabas con que cada un pagaría a súa ronda, pedías un quinto. O sábado, Sánchez citouse coa prensa, e informou de que acababa de pedirse un terzo: cambiou a dirección de sete dos 22 ministerios. O fixo no lugar de sempre, ese local tan amplo que permite reunións de ata 22 persoas, co que unicamente tivo que facer algúns pequenos axustes no espazo (Función Pública a Facenda, ou a Portavocía a Política Territorial). E felicitouse, explicitamente, por ter rexuvenecido e feminizado o colectivo. Un colectivo renovado nun terzo co que parece mandar outras tres mensaxes máis, só que de forma implícita. Por exemplo, ao substituír ao fronte de Política Territorial a quen desde o PSC impulsaba diálogos cos independentistas cataláns coa modificación da estrutura da organización territorial do Estado enriba da mesa, por unha militante do Partido en Castela-A Mancha, filial máis proclive a manter o statu quo autonómico. Ou substituíndo a ministros e ministras cun perfil e traxectoria máis independente e profesional en departamentos de peso como Exteriores, Xustiza ou Ciencia (Laya, Campo, Duque; e na propia Moncloa a Redondo) por persoas cuxa carreira profesional ten máis que ver co seu compromiso coa militancia socialista (Albares, Llop, Morant, e López). Ou, en terceiro lugar, potenciando a Vicepresidencia de perfil técnico, capacidade de interlocución coa Unión Europea e de maneiras prudentes e ortodoxas (Calviño), en detrimento dun perfil máis político, menos conciliador, e máis heterodoxo e imprudente (Calvo).

Tamén mandou, como xa fixera cando Pablo Iglesias decidira cortarse a coleta, outra cuarta mensaxe explícita, aínda que non expresada verbalmente. O presidente manda moito, pero manda só sobre case as catro quintas partes do seu numeroso Consello de Ministros e Ministras. No quinto restante non manda nada: Traballo e Economía Social (coa súa Vicepresidencia), Dereitos Sociais e Axenda 2030, Igualdade, Consumo e Universidades, seguen igual, co mesmo grao de feminización e rexuvenemento.

Sánchez pedíuse un terzo. Pero un ten a impresión de que realmente o que quería pedirse era ese outro quinto. Como se facía, nos tempos anteriores a Internet, cando un contaba con estar moito tempo no mesmo sitio coa mesma compañía, e por prudencia se pedían quintos, e non terzos. De Estrella de Galicia, naturalmente.