¡A por ellos, oeeee?!

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

03 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Miro a foto dos independentistas cataláns indultados polo Goberno e vexo unha troupe de clowns, augustos e mimos que dan brinquiños e pinchacarneiros ridículos no circo político e saúdan, fachendosos: -Alehop! Non é unha percepción nova; é a que me inspiran sempre que os vexo e así os representei ao falar deles en artigos anteriores. Houbo tal abuso de poder en todo o procés, tanto desprezo pola lei no Parlament, tanta mensaxe de odio na rúa contra charnegos e catalanistas prestixiosos, non independentistas, que ao seren xulgados os líderes polo Supremo, identifiqueime coa cidadanía constitucionalista que animou aos xuíces co berro: -¡A por ellos, oeeee…!, talmente como á selección española de fútbol.

 O que pasa é que no fútbol vale meterlles aos contrarios a bota nos dentes, tirármonos dentro da súa área para que os árbitros piten a pena máxima e facer o posible para que lles saquen tarxetas vermellas por faltas que non cometeron. Todo iso vale no fútbol e tamén na política, pero non pode valer na xustiza; e hoxe penso que os aborrecidos independentistas cataláns non deron un golpe de Estado e non deberon ser condenados por sedición. Roberto Blanco Valdés parece ter fe cega no Tribunal Supremo porque en varios artigos repetiu que os independentistas tiveron a garantía do Tribunal Supremo. Pois si, a mesma que Juan María Atutxa, en abril de 2008 cando, sendo presidente do Parlamento vasco, foi xulgado polo Tribunal Supremo e condenado a 18 meses de inhabilitación e 18.000 euros de multa, por un delito de desobediencia. Oito anos despois, o Tribunal de Estrasburgo determinou que Atutxa non tivera un xuízo xusto e debía ser indemnizado cun euro -o que el pedira por dano moral-; e, en 2019, o Tribunal Supremo anulou a sentencia que o condenou. Por certo, o relator no tribunal que xulgou a Atutxa sen darlle a oportunidade de defenderse, era o xuíz Manuel Marchena, presidente do tribunal que condenou aos líderes do procés. E como xulgalos e condenalos por rebelión ou sedición esixía a existencia da violencia, o xuíz instrutor Pablo Llarena, despois de recoñecer o civismo das decenas de miles de cidadáns que se mobilizaron para votar no referendo do 1 de outubro, fixo unha peculiar interpretación do alzamento público violento, dicindo que non son esixíbeis os feitos lesivos ou danosos contra persoas ou bens; e abonda a ostentación dunha forza e a disposición a usala. Que isto non o traga o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sábeo Roberto e por iso escribiu nun artigo recente que se a xustiza europea chegase a corrixir ao noso Tribunal Supremo, «se produciría una auténtica catástrofe jurídica y política». Discrepo do benquerido amigo e coido que a catástrofe xurídica e política produciuse no momento en que o Supremo emitiu outra sentencia que a xustiza europea deberá corrixir. O «¡A por ellos, oeee…!» vale no fútbol e na política; non na xustiza. Cando se xulga coas tripas, co fígado ou coa vesícula biliar, nin a xustiza é xustiza, nin a democracia é democracia. Seguro que o xuíz supremo, alarmado polo boreo na praza de Colón, asomou entre as nubes, ollou o chan, analizou a causa, meditou a sentencia e como no poema de Curros Enríquez, falou entre dentes: -Se isto é xustiza, que o demo me leve.