Moitas voltas eólicas e pouco sentidiño

Roberto García González SECRETARIO XERAL DE UNIÓNS AGRARIAS

OPINIÓN

María Pedreda

02 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A día de hoxe en Galicia hai proxectos en marcha para duplicar en 5 anos os mais de 3.800 megavatios de potencia eólica xa instalada, o que equivale a produción de tres centrais nucleares.

É unha evidencia que a enerxía que vén do vento vai medrar na Unión Europea nos próximos anos. Así o confirman os plans de descarbonización da UE, dentro do marco da loita contra o cambio climático, que fixan os fitos de xerar con fontes renovables o 30 % da enerxía para o ano 2030, e xa o 100 % no ano 2050. Ademais, España precisa con urxencia reducir o peso das importacións de enerxías fósiles para embridar a factura da luz, e iso só se consegue potenciando as renovables.

No medio rural galego estase producindo unha forte contestación a novos parques eólicos porque moitas das novas propostas desprázanse da cima dos montes cara a terras agrarias, ou cara a zonas próximas a explotacións, vivendas e núcleos de poboación.

Por outra banda, os novos proxectos chegan sen un modelo axeitado de transvase de rendas da enerxía eólica ás zonas onde se instalan os parques. A actual fórmula de adxudicación baseada en poxas a nivel nacional, herdada do Goberno do Partido Popular do 2013, foi un paso atrás respecto do anterior sistema de concursos a nivel autonómico, que posibilitaba obrigar ás adxudicatarias a desenvolver plans industriais e emprego rural.

Para entender a alarma social creada pola explosión de proxectos eólicos, hai que ter en conta que os cambios da cualificación urbanística dos terreos afectados limitan a actividade produtiva sen que haxa compensación, e que non existe unha negociación económica real polo valor dos terreos que implica a declaración de Utilidade Pública e a posibilidade de expropiarlles os terreos aos propietarios.

En Unións Agrarias e Ventonoso levamos 15 anos pedindo un marco legal que lle dea un xiro social á instalación da enerxía eólica.

É necesario que se priorice a defensa dun ben escaso como é a terra agraria sobre outros usos, e que se reduza o impacto dos parques que finalmente se aproben. Buscar unha maior transparencia sobre os procedementos das autorizacións en curso, como dos contratos das empresas, para que os veciños negocien acordos de ocupación e uso dos seus terreos coas máximas garantías, e os máximos niveis de compensación económica, unha vez que o parque chega aprobado. Unha tarefa na que tanto os concellos coma o Goberno central e a Xunta de Galicia deben pór todo o seu empeño se queren que nas vilas e nas aldeas deste país vexan a eólica como unha oportunidade.