Universidade: estuda o que queiras

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

PEPA LOSADA

15 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En tempos de selectividade moita xente agradece que lle falen da universidade. Rematan para o estudantado dous anos de agobios, competitividade brutal e angurias mil. Quen tivera adolescentes na casa os últimos anos sábeo ben. A orientación sobre que carreira escoller converteuse nun labirinto de mercadotecnia e trebellos tramposos. Móvese moito diñeiro na educación, vese mesmo na publicidade das camisolas dos equipos de baloncesto. Por sorte o asunto non chega aínda ao nivel norteamericano, onde os pais e nais previsores invisten na futura universidade dos fillos dende que seleccionan a gardería, e fan peto para poder pagar avultadas facturas nos mellores campus.

Por sorte estamos en Europa, onde o Estado do benestar fixo da igualdade de oportunidade no acceso á educación superior un ben público, con matices que van da gratuidade escocesa que atinxe a algunhas das mellores universidades do mundo, á hipercompetitiva americana que perseguen as universidades inglesas con taxas elevadísimas para os estranxeiros ou as baixas taxas e moitos servizos de comedor e residencia das universidades galegas. Alguén ten que pagalo, en Escocia os impostos, en Inglaterra as clases medias do mundo que mandan alí aos fillos, en Galicia os fondos europeos e os impostos. Á vontade de acceder á educación superior como medio de ascenso social e xa que logo de igualación das sociedades europeas do século pasado non puido resistirse nin o franquismo, que fixo da reforma educativa un dos seus mellores instrumentos de lexitimidade polo feito. Os fillos dos emigrantes que fixeran un petiño en América, os netos dos labregos, dos mariñeiros e os dos obreiros puideron acceder á universidade.

O problema sempre foi que estudar, como elixir. Tanto esforzo non podía ser ermo. Todos pasamos por iso. Algúns tivemos que facer marabillas para poder facer a carreira que queríamos. E se logo non tes traballo? Hoxe as expectativas son diferentes pero os condicionantes sociais e familiares son idénticos. Teño o privilexio de dar aulas a un estudantado motivado nunha carreira moi vocacional á que se accede con nota moi alta en primeira opción. Eles amosan a súa vocación a pouco que o profesorado saiba responder ao seu interese. A min apréndenme que a elección dunha carreira non poden determinala notas de corte, dobres titulacións, aspiracións imposibles nin a compra de títulos. A experiencia de vida de 30 promocións demóstrame que os estudantes teñen que escoller o que lles reine. Nunca se arrepinten de seguir a súa vocación e traballar co que lles gusta. Fagan o que fagan despois.