O desempregado non é o centro das políticas de emprego

José Antonio Gómez EL DEBATE¿CUÁL DEBE SER LA REFORMA DEL SERVICIO PÚBLICO DE EMPLEO PARA QUE CUMPLA CON LA FINALIDAD PARA LA QUE FUE CREADO?

OPINIÓN

06 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Por mor da recesión económica que viviu Europa desde o 2008, e con máis intensidade España, púxose en evidencia que as políticas activas non estiveron preparadas para dar resposta ao desemprego estrutural derivado da crise. Reformar e potenciar os seus instrumentos resultará estratéxico nunha contorna na que, aos retos do pasado, que persisten, únense novos desafíos que están a xurdir e que se van acentuar ante o escenario deixado pola pandemia. Levamos tempo reclamando que a reforma das políticas activas e a modernización dos Servizos Públicos de Emprego (SPE) estean na primeira liña da axenda política. 

O actual modelo de SPE é manifestamente mellorable porque as políticas activas de emprego (PAE) non están rexidas nin enfocadas polo principio xeral de que o centro das mesmas son as necesidades dos desempregados e as demandas do mercado de traballo. En consecuencia, os parados non reciben as accións básicas que lles permitan volver ao emprego: non reciben nin un bo diagnóstico das súas necesidades e posibilidades, nin un adecuado itinerario personalizado de inserción, nin a suficiente titoría durante o proceso de preparación e posterior procura de emprego.

Igualmente, a falta de identificación das necesidades dos desempregados e das demandas de traballo das empresas fai que os programas de emprego e de formación sexan ineficaces. O elevado paro de longa duración, o baixo nivel de intermediación e colocación (público e privado), e a desafección e desinterese de desempregados e compañías son evidencia e son consecuencia de que as PAE, tal e como están, non funcionan e non dan resposta ás necesidades das empresas e dos demandantes.

O elevadísimo gasto en subvencións á contratación é ineficiente e supón un alto custo fronte as PAE moito máis necesarias e eficaces.

Vimos demandando, no marco do diálogo social, unha reforma en profundidade das PAE que poña no centro das mesmas ás persoas desempregadas, reforma que ten que converter en dereitos (similares ás prestacións) das persoas desempregadas e en obrigas das administracións públicas implicadas que reciban as actuacións necesarias e eficaces (diagnose, itinerario, titoría personalizada, formación e recualificación) para garantir un emprego adecuado e de calidade,.

Por último, consideramos que é preciso incorporar a avaliación como práctica habitual e unha adecuada gobernanza que involucre aos axentes sociais para garantir o uso eficaz dos recursos investidos en políticas de emprego. Tamén é prioritario establecer unha formulación plurianual para elevar os recursos das PAE ata os estándares europeos e incrementar recursos e persoal para os SPE.