«Verdá!»

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

06 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En Verín temos unha gramática propia, identitaria, que consiste en asentir cunha expresión categórica: «Verdá!». Sabemos que non é correcta, pero a nós agrádanos ese son agudo que resulta asertivo e fraternal. O primo Gerardo, que hoxe está de aniversario e segundo el recibe o mellor regalo (a vacina!), algunha vez dixo «verdá». A historia é longa e debo comprimila. Todo comezou en 1966. Estreaban no cine Buenos Aires La muerte tenía un precio. A cuadrilla do Gerardo estaba ao completo. O Toñeiras, Modesto, Nano, Suso, etcétera. Eran todos mozos. E todos saíron da proxección conmovidos. Pero o meu primo, máis. Quedou fascinado con La muerte tenía un precio. Eu sempre lle dixen que foi pola súa vocación de enterrador. Profesión que non chegou a exercer, como exerceron o avó Gerardo e o tío Gerardo, Montoya para os amigos. «Qué peliculón, neno», repetíame unha e outra vez cando eu era cativo. Segue fascinado. Tanto que a súa vida está impregnada pola banda sonora desa película: Ennio Morricone. Un día a Luisa paroulle os pés. Quería que o porteiro automático da súa casa, en lugar de emitir un son común, como todos os porteiros automáticos, tocase a música de Morricone na súa película predilecta. Porén, nin a Luisa foi capaz de que no seu móbil aparecese sempre a mesma melodía. Mensaxes, correos, chamadas: La muerte tenía un precio. Ata un día de funeral. Foi dar un pésame. Todo silencio. E, de súpeto, soa o teléfono do Gerardo. Imaxinen qué panorama. O Modesto mirouno. Díxolle: «Gerardo, colle o móbil». O Suso engadiu: «Vaia melodía para un funeral». O Gerardo saíu rapidamente do tanatorio. Antes de que abrise a porta automática só acertou a dicir: «Verdá!».