Non, Monedero, non

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

I. Infantes. Pool

06 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ai, Monedero... que pouco reflexionamos cando as cousas non van como un espera, xustamente o día de reflexión. Que lles chamaches aos que ían votar ao PP? Non me atrevo a repetilo. Que pasou? Iso é o que deberiades preguntarvos, que pasou para que os resultados electorais fosen como foron. Facer autocrítica é moi complicado, seino. Mais, censurar aos demais para liberarnos da culpa non é o camiño. Lembras o que pregoades?

Dicides que sodes a esquerda liberadora, democrática, igualitaria... Daquela, podes explicarme que fas descualificando á xente pola decisión electoral? Quen es para menosprezar un voto? Ayuso, e o PP, gañaron democraticamente. Non é o que agardabas, pero a cuestión agora é analizar os datos. Ata podedes empezar por dicir que temos o que merecemos, o que queremos. Si, pero non só os votantes do PP, tamén os que non votaron á vosa formación nin ás amigas. Se non o fixeron é porque non vos queren ou, cando menos, non vos queren así. Iso é o que hai que mirar.

A esquerda non pode vestirse de superioridade. Non está por riba do ben e do mal. A esquerda, igual cá dereita, ofrece unha idea de vida. Unha de dúas, ou a xente quere outra, ou non soubestes explicar o proxecto. Mais así non, Monedero. A esquerda, por definición, defende a igualdade social e foxe das xerarquías. Xusto o contrario do que ti cuspiches.