Unha cuestión crucial

Camilo Nogueira Román PUEBLOGALLEGO

OPINIÓN

Camilo Nogueira, no antigo Parlamento de Galicia, no salón de Fonseca, interpelando a Albor a Barreiro Rivas
Camilo Nogueira, no antigo Parlamento de Galicia, no salón de Fonseca, interpelando a Albor a Barreiro Rivas TINO VIZ

O Goberno galego non pode renunciar a completar o teito competencial dunha nación no camiño a dotarse dun maior autogoberno decidido democraticamente

24 abr 2021 . Actualizado a las 17:00 h.

Celebramos o 40.º aniversario do Estatuto de Galicia aprobado en 1981. O acceso ao autogoberno que se recoñecía no artigo 2 da Constitución tivo un camiño específico para Cataluña, o País Vasco e Galiza por teren referendado os seus Estatutos antes de que estourara a Guerra Civil en 1936. Porén, a capacidade de autogoberno recoñecida foi pronto coutada. O propio Estatuto galego sufriu xa os primeiros envites intentando recortar as aspiracións de autogoberno para Galiza de ter un teito competencial semellante aos de Cataluña e Euskadi. As nacionalidades, as nacións internas, non puideron aplicar as competencias que lle foran atribuídas legalmente. Pronto, os partidos estatais dominantes pactaron poñer freo ao proceso autonómico coa Ley Orgánica de Armonización del Proceso Autonómico (LOAPA), posteriormente declarada inconstitucional polo Tribunal Constitucional, pero que xa conseguira o seu efecto de arrefriar a descentralización política.

Desde o Parlamento galego, neses momentos iniciais do autogoberno, impulsamos algunhas das normas institucionais básicas para dignificar o conseguido. Algunha desas normas foi mediante unha unanimidade histórica. Tres exemplos: a Lei de Símbolos, a Lei de Normalización Lingüística e a Lei do Valedor do Pobo. Só na primeira lexislatura do Parlamento como deputado do PSG-EG presentei 14 proposicións de lei buscando ampliar ese espazo competencial e aproveitar a fondo tal marco. Porén, a evolución recentralizadora nos anos 90 e no comezo deste século limitou as nosas aspiracións e negou a posibilidade de relación directa coa Unión Europea e cos países irmáns de fala galego-portuguesa, como o propio Portugal ou Brasil, e os de África, desde Mozambique a Angola.

O Goberno galego non pode renunciar a completar o teito competencial dunha nación no camiño a dotarse dun maior autogoberno decidido democraticamente. Temos que ter voz propia nas institucións europeas para defender os nosos intereses, como fan os länder alemáns. A nosa lingua ten que ter presenza nas institucións comúns do Estado, e non ter impedimentos para manter vínculos (programación educativa, televisión…) co tronco común no que acompaña a Portugal, Brasil, Mozambique ou Angola, sendo nunha das linguas máis faladas no mundo.

Máis alá do Estado español e da Unión Europea á que pertence, Galiza ten o seu carácter e os seus problemas. Durante séculos foi negada por parte do poder de Madrid, pero Galiza, e as galegas e os galegos, espalláronse aos dous lados do Atlántico coa nosa vocación universal.