Do consenso á vulgaridade

Dolores Villarino PUEBLOGALLEGO

OPINIÓN

Votos de emigrantes galegos, durante as primeiras eleccións para o Parlamento de Galicia, en 1981
Votos de emigrantes galegos, durante as primeiras eleccións para o Parlamento de Galicia, en 1981 ALBERTO MARTI VILLARDEFRANCOS

Foron 40 anos de vida política, sen máis, nos que comprobamos que empregar o diñeiro público, de todos, é mellor facelo co Estado das autonomías que cun Estado centralizado

24 abr 2021 . Actualizado a las 17:00 h.

Hai 40 anos que se aprobaba o Estatuto de Galicia nun clima de renuncias de todos, de consenso sobre o importante, de Galicia e España son o primeiro... Agora estamos nun clima político da dereita partida, outra vez, o franquismo branqueado, a palabra comunista como insulto, rompendo a marteladas a Largo Caballero,...

E a pandemia do covid-19 campando tan ricamente e sendo un elemento máis da contenda política.

En que momento esquecemos a Constitución? En que momento deixamos de crer no Titulo VIII da Constitución? En que momento deixamos de lado a épica de facer historia? Foron 40 anos de normalidade democrática artificial? Pasamos dunha dereita autonomista a outra que fai das autonomías a punta de lanza contra o Goberno central? Pasamos dunha esquerda que aproba todos os estatutos a unha esquerda acurralada polos nacionalistas?

Foron 40 anos de vida política, sen máis. Comprobamos que empregar o diñeiro público, de todos, é mellor facelo co Estado das autonomías que cun Estado centralizado. Ocupámonos de Europa, pouco. Ocupámonos de traer fondos europeos para paliar anos e anos de atrasos en infraestruturas. Non puidemos, ou non quixemos, ocuparnos do ferrocarril. E a pesar dos miles de quilómetros de costa, non fixemos, de novo, do mar unha gran oportunidade para o intercambio de mercadorías e persoas; é unha deficiencia que pagamos ecoloxicamente. Debemos ser máis comprensivos cos países en desenvolvemento que non queren ouvir nada de ecoloxía que non sexa vender dereitos de emisión de CO2.

Imos de modernos e de ricos. Ou colleunos o tren da historia? Agora, coa pandemia do covid-19 en marcha, coa industria do automóbil como principal sector produtivo, e o turismo barato como contribuínte prioritario ao PIB estatal, chéganos a electrificación dos coches, a contribución cero de emisións en 2050... Imos de modernos e ricos, e somos mortais a recuperar.

E chegaron algúns a contarlle a Europa que non nos deran os recursos necesarios para a transición, que é imprescindible e inaprazable. Non temos moito arranxo, confundimos os temas de país cos partidarios! Non só son os políticos concretos, que tamén o son, senón que perdemos a vergoña de ser insolidarios. Perdemos a vergoña en xeral. Para que non se diga que son pouco institucional, só direi que Feijoo é do mellor do PP, e Casado ou Ayuso son o peor da política.

Só pasou isto nos últimos 40 anos? Non. Convertemos unha ditadura nun país case federal, o titulo VIII da Constitución de 1978 demostrou os poderes de adiviñación dalgúns, e que non hai nada eterno. Hai unha maioría de españois nados en democracia, e ninguén discute que Galicia ten dereitos e personalidade propia. Todo isto é bastante, e en só 40 anos pasamos de ser un país peculiar a ser un país europeo, como os do resto da Unión Europea.

Vivimos nunha Galicia con dereitos humanos, algúns medio esquecidos, onde non se discute o dereito de todos a ser galegos e a ser europeos. Estamos a vivir unha segunda oportunidade de ser europeos, con todas as consecuencias. Desde o ano 1985 tivemos a oportunidade de converternos nun país do espazo político con máis dereitos do mundo. A pesar das consecuencias da caída do muro de Berlín, a aparición en Polonia da extrema dereita formando gobernos, e a de Vox no escenario político español, compensou a viaxe que, persoalmente, durou demasiados anos e pouco tempo para outros.

Todo isto pagou a pena, pero, en parte, era evitable. Non é necesario o sobrecusto que soportamos por non atopar o noso equilibrio político. Tivémolo en épocas pretéritas para escenarios pretéritos. Agora debemos atopar o noso equilibrio para as novas condicións que imperan no noso país; en España, e en Galicia.

Talvez nos falte o centro político, e que o ocupe un partido existente ou por crear. Pero o que parece improbable é que volvamos oitenta anos atrás, como propón a extrema dereita en xeral.

Este pensamento déixame máis conforme comigo mesma e permíteme mirar o futuro de Galicia con esperanza. Grazas Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez por estar aí. Por facer de Galicia e España uns países homologables cos máis avanzados do mundo, coas súas contradicións e as súas diferentes políticas.