Unha conversa coa raíña Letizia

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

SIRO

17 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta nas memorias a infanta Eulalia, irmá menor de Alfonso XII, que cando, por razón de Estado, quixeron casala con Carlos de Braganza, futuro rei de Portugal, non aceptou, malia ser o príncipe un bo amigo que podería inspirarlle amor; pero, se xa lle pesaba a diadema do infantado, que non lle pesaría unha coroa?

Letizia Ortiz tíñao moitísimo máis difícil que a infanta Eulalia e, aínda así, deu o paso e meteuse no avespeiro da Casa Real. A culpa tívoa o príncipe Felipe, tan guapo e sedutor; pero tamén Perrault e os irmáns Grimm, que falsearon o conto da Cincenta. Porque a nobreza daquel reino viu sempre a princesa Cincenta como unha criada co nariz manchado de feluxe; e as mozas plebeas, casadeiras, que probaran sen éxito o zapatiño de cristal, aborrecérona e non deixaron de reprobar o seu xeito de falar, de vestir, de actuar… O certo é que o Príncipe Azul e a Cincenta non foron felices e comeron perdices ata superaren un par de crises matrimoniais, causadas polo ambiente hostil e o marujeo.

A Letizia xornalista era un encanto. Un colega que traballou con ela dicía nun artigo: «Ahora que todo el mundo arremete contra Letizia, ¿cómo era la Letizia que conocí?». E describiuna simpática, falangueira e con ambición profesional, pero sen pisar a ninguén cos tacóns de agulla. A Letizia princesa de Asturias, filla dun taxista e divorciada, pasou a ser un perigo para a institución monárquica, segundo o rei Juan Carlos, Jaime Peñafiel e as respectivas áreas sociais de influencia; fría e calculadora para a aristocracia; e altiva e distante no marujeo popular.