AstraZeneca e poesía

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

27 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo pasado foi o Día Mundial da Poesía e como a celebración é recente, súmome a ela parafraseando a William Shakespeare na traxedia Xulio César, cando Marco Antonio di no discurso fúnebre polo heroe: «Eu sei que Bruto é un home honrado»; e digo: «Eu sei que Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, é un home honrado». Marco Antonio afirmábao ironicamente e eu fágoo con convicción porque só un home honrado pode declarar, como máxima autoridade sanitaria da comunidade, o que el declarou á prensa sobre a vacina de AstraZeneca: que en Galicia se recibiu e se vacinou con parte do lote que outros países rexeitaron por temor a que tivese relación con episodios de trombose; e engadiu: «Creo que as que están por poñer non son dese lote». Ese «creo» é a proba do algodón da honradez do conselleiro. O «creo» moi tranquilizador non era, pero demostrou que estamos ante un raro exemplar de político veraz.

Días despois, a Axencia Europea do Medicamento determinou que non se puido establecer relación directa entre as tromboses e a vacina; e os membros do Consello Interterritorial da Saúde en España, para afortalar a credibilidade da determinación, acordaron pasar o límite de idade dos próximos vacinados de 55 a 65 anos. Houbo debate na reunión porque uns propoñían «o pelao 60», outros o 64 por aquilo de «o 6 e o 4, a cara do teu retrato»; outro máis admitiu que lle encantaba o 69; pero gañou o 65 e, ao brindar polo acordo, alguén puxo o selo de calidade cun verso de don Antonio Machado: «Tengo una copa en la mano y en los labios un cantar».

O certo é que coa boca pequena seguen a dicir da AstraZeneca que «os riscos son mínimos e os beneficios innegábeis», argumento que me recorda o de Isaac Díaz Pardo nos artigos en que falaba de Stalin: «Stalin foi un monstro, pero freou a Hitler». Díxenlle nunha ocasión: -Isaac, non é o mesmo «dóeme, dóeme, que vaime doendo». Tes que dicir «Stalin freou a Hitler, pero foi un monstro». Ceibou unha gargallada, e non me fixo caso.

Estes días as axencias de prensa informan de que a opinión pública europea anda coa mosca detrás da orella respecto á AstraZeneca e que o 70 % dos franceses e a metade dos alemáns dubidan da súa seguridade. En España circula un wasap no que se pide que os membros dos gobernos central e autonómicos e os deputados se vacinen con ela ante as cámaras de televisión e o notario. Que prediquen co exemplo, como fixera o ministro Fraga, en 1966, cando se bañou en Palomares para demostrar que o mar non estaba contaminado polas bombas nucleares caídas dun avión norteamericano. Por certo, Fraga, pobriño, verdade? Manolo Monge e os seus cazafranquistas conseguiron que os concellos de Ferrol e A Coruña lle retirasen o título de «fillo adoptivo», e o PP íalle facer unha casa museo en Vilalba; pero alí fican esquecidas as caixas cos recordos atesourados toda a vida. No 2005 publiquei unha viñeta na que Feijoo abría a ventá e o vento tiraba o retrato de Fraga á papeleira. O pé dicía: «Alá vai o fraguismo». Era verdade. Case tan verdade como a de Bécquer no verso «¡Dios mío, qué solos se quedan los muertos!»