Nevenka e o botón nuclear

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

13 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi a primeira en pulsar o botón nuclear do Partido Popular, só que era demasiado nova, demasiado guapa e demasiado lista. Cando unha ve o documental sobre aquela primeira condena a un político por acoso sexual á concelleira Nevenka Fernández, hai algo que resulta familiar. Máis alá do relato das mudanzas acontecidas neste país arredor da violencia contra as mulleres e máis alá da reflexión sobre eses casos pasados que parecían outra cousa -dicir Nevenka é dicir Wanninkhof, Hormigos, Chávarri-, o documental implica entender que hai espazos onde a ideoloxía estrutura as relacións. En Nevenka está o mesmo partido que, dese xeito bíblico tan acaído, deixa de nomear para borrar existencias; ese pechar filas en torno ao poder entendido como diñeiro; esa soidade da compra-venda de favores. E está a lección da sororidade que tanto custa entender a tantos, porque transcende ideoloxías: só a xefa da oposición entendeu e axudou a Nevenka cando todos lle dicían «ou aproveitas ou liscas». Pero pulsas o botón nuclear do partido sabendo que liscas, como outras o fan sabendo que aproveitan. Nevenka versus Ayuso. Unha sen apelido para sempre; a outra con nome de señor. Unha cambiou a carreira pola dignidade; a outra, a dignidade pola temeridade onde o diñeiro chama polo poder e viceversa.

Por suposto, non pasou nada despois de Nevenka. Un alcalde menos. Despois, todo o que sabemos de antes de esnaquizar España ao ritmo da creba das empresas que medraran ao abeiro de políticos que hoxe están no cárcere, tan parecidos a aquel alcalde. Pasou Ayuso, tan distinta de Nevenka, tan igual ao mesmo partido de hai vinte anos e de sempre. Nada. A bomba de Nevenka non era nuclear, só de palenque.