Linguas libres

Marcos Maceiras Eiras EN LIÑA

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

Se buscarmos un aspecto común respecto ás linguas na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos, na Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou na Carta Europea das Linguas Rexionais e minorizadas, acordos internacionais cos que está comprometido o Estado español, veremos como os pobos e as comunidades lingüísticas son iguais no seu dereito a realizaren todas as actividades humanas na súa lingua propia e, por tanto, a usala con plena validez xurídica, en todo e para todo.

Se algo cómpre desterrar non é a diversidade senón o racismo, tamén o lingüístico que despreza, exclúe e discrimina persoas por formaren parte dunha comunidade lingüística e non renunciaren a continualo facendo.

Hai 40 anos que o galego é cooficial, temos dereito a usalo mais a súa presenza e dispoñibilidade non se corresponde con tal consideración se a contrastarmos coa realidade cotiá.

Que fai o Estado español pola cooficialidade? Menos do 1 % dos procedementos nos xulgados do social en Galiza se realizan en galego aínda sendo solicitado por unha das partes en, cando menos, o 20 % do total. Os servizos lingüísticos do TSXG só foron requiridos para consultas ou traducións en 145 dos máis de 330.000 trámites. A presenza do galego é anecdótica en TVE e nula en plataformas de televisión. Outros servizos dixitais negan a posibilidade de usalo mesmo pagando. Outro ano máis as prazas da Administración do Estado en Galiza para todos os corpos seguirán sen requirir coñecemento de galego para o servizo público. Nas longas listas de linguas que se nos ofertan na atención, información, etiquetaxe ou servizos, nengunha é a galega. Siri e Alexa nen nos entenden nen nos atenden.

Sen oferta, espazos de uso, presenza, coñecemento, ula liberdade para a nosa lingua? Velaí o limite da cooficialidade, incumprindo acordos internos e compromisos internacionais como ben sinalaron recentemente o Consello de Europa ou o Relator especial da ONU para os dereitos das minorías.

Cómpre transformar os compromisos en realidade. Iso propoñen, de novo, A Mesa pola Normalización Lingüística xunto a oito entidades sociais a favor das linguas no documento Pluralidade Lingüística: liberdade, democracia, igualdade, que se debaterá no Congreso como proposición non de lei. O recoñecemento polo Estado español da pluralidade lingüística non pode ser só formal, nunha democracia debe ter consecuencias prácticas: igualdade de dereitos e de deberes e liberdade de uso e disposición.