Abriron terrazas, non máscaras

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ángel Manso

Primeiro día de apertura de terrazas da hostalería e... as beirarrúas a tope de mesas. Nin un oco se podía ver, nin o máis mínimo. Por sorte, o tempo acompañou.

Son a primeira que quero que os negocios abran, que a vida se pareza o máximo posible a cando eramos precovid. Pero iso témolo que gañar. E, perdoen que llo diga, non estamos a facer méritos. Viña do supermercado, cargada con seis cartóns de leite nunha man e media ducia de quilos de peso na outra, subindo as escaleiras que dan para a miña casa... e case desfalezo. Custa respirar con máscara, máis se vas coma unha mula. O día a día, vaia.

Ollo! Non para todos. Porque no camiño pasei polo medio de dúas terrazas, ou exteriores habilitados para dous establecementos hostaleiros. Nin o 20 % dos consumidores tiñan a máscara posta. Era igual que estivesen sós ou acompañados, tanto tiña que falasen entre eles ou mirasen información no teléfono móbil... A máscara, na mesa, na man, ou baixo o queixo.

Abriron as terrazas, non as máscaras! Mentres un está sentado, ten que poñer a máscara. Só se permite retirala para levar a consumición á boca. Creo que non é moi difícil de entender. Pero non, eu teño que subir corenta escaleiras sen folgos por non respirar co nariz tapado e os do bar, ao tolo.

Os que berran que hai que salvar a hostalería, teñen toda a razón. (Hai que salvar a hostalería, a cultura, o pequeno comercio.. todo!) Pero así imos mal. Ao berro de «salvemos a hostalería» hai que engadirlle «con máscara!!!» Esa é a consigna.