O campo despois da batalla

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

31 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño un amigo con quen, na soidade destes longos confinamentos, manteño conversas demoradas sobre a situación e as circunstancias, tamén sobre o futuro, o futuro dos fillos sobre todo, que nos preocupa, se cadra porque é o que sentimos máis próximo. E coincidimos, con bastante desacougo por certo, non tanto na escalada desta pandemia atroz que nos castiga como no significado da depresión social (e individual) que paseniñamente se vai apoderando de todo, como unha fatalidade, o que, na nosa opinión, é bastante mais grave que a propia pandemia. 

Como quedará o campo despois da batalla?

Non son analista político, moito menos especialista sanitario (nun tempo no que aparecen epidemiólogos por todas partes).

Escribo coma un cidadán máis. Estes artigos non pretenden adoutrinar a ninguén, madía leva! No mellor dos casos trátase de compartir opinión, ás veces simples preocupacións. Mais pódenme crer que cada semana fago un enorme esforzo para, na vertixe que nos abafa, manter aberto un fío para a esperanza, porque -como dicía na marea da semana pasada- sen esperanza estamos mortos. Nesta cuestión e en todas.

As últimas noticias veñen das farmacéuticas: a lideira de intereses (económicos, políticos, estratéxicos) verbo da produción e difusión das vacinas que han facer fronte á peste que padecemos. Lideira das vacinas e lideira do capital que as goberna, con contratos secretos, cláusulas escondidas que condicionan a súa operatividade.

Lideira do capital e impotencia da OMS (Organización Mundial da Saúde), o foro internacional que se supón debería ser o árbitro dunha actuación que debe ser global, porque esta é unha cuestión global!, mais que en cada intervención amosa a súa dificultade para actuar, ou para que tomen en consideración as súas recomendacións.

Todo fronte aos intereses dos Estados, a fraqueza da Unión Europea, as manobras xeopolíticas do poder no conxunto do planeta, que se está a reconfigurar radicalmente, as contradicións das democracias occidentais, o abandono dos terceiros mundos (así, en plural), a insolencia crecente dos autoritarismos totalitarios, a crise económica… Qué quedará despois da batalla?

O das farmacéuticas é escandaloso: mafias transnacionais que non é a primeira vez que amosan a súa verdadeira faciana, malia o enorme esforzo de científicos e investigadores, médicos e sanitarios, xunto con ese exército anónimo da cidadanía invisible que terma do edificio para que non veña abaixo (transportistas, limpadores, produtores e distribuidores de alimentos, policías, vixilantes e auxiliadores sociais).

Certo que a realidade ten esas dúas caras. Son os argumentos do meu amigo. Dunha banda os logreiros, que hoxe como hai mil anos poñen o ganapán para levantar a nécora. Doutra banda, esoutra xente que mantén viva a esperanza. Benditos sexan.