Deixádeo ir… Poucos anos con tanto malfado. A xeración dos nosos pais viviu a Guerra Civil e as consecuencias da Segunda Gran Guerra. Na memoria dos nosos avós estaba a gripe do ano 1918, que inspirou O retrato de Castelao, e que tantas baixas causou entre a nosa xente. Mais o pasado século, para os que nacemos despois de 1936, malia as guerras e as calamidades que certamente houbo e segue habendo no mundo, non deixou marcas xeracionais tan intensas, sucesos que mancasen a memoria colectiva dunha maneira tan forte. O coronavirus, que segue entre nós, configura unha nova realidade, un novo xeito de ver as cousas, unha data feroz no calendario. Deixádeo ir…

 

 

Cando os seareiros do Portal das Palabras escolleron a que, na súa opinión, debería caracterizar o ano, non elixiron unha palabra-crónica, como nalgunhas edicións anteriores (eucaliptización, refuxiado, corrupción), senón máis ben unha palabra-futuro, expresión afirmativa de mellor andaina para todos. Neste aspecto a palabra «nós» está na mesma liña que «afouteza», «irmandade», incluso «sentidiño» Podemos ficar prendidos no pasado, escribindo a crónica do que foi, ou podemos virar a cadeira e afrontar con afouteza e irmandade o futuro.

A palabra «nós» ten unha dobre significación, como xa se ten subliñado estes días. Por unha banda evoca o grupo xeracional que, a partir dos anos 20 e mesmo despois de 1936 (porque a memoria segue viva), encarnou un dos proxectos máis ambiciosos, intelixentes e felices da cultura galega do pasado século: a xeración de Castelao, Vicente Risco, Lousada Diéguez, López Cuevillas, Otero Pedrayo, Ánxel Casal (editor) e dos seus discípulos (entre outros Carvalho Calero) que chantaron os alicerces da modernidades sen complexos, a «célula de universalidade» da que falou sempre o galeguismo. O espírito dos devanceiros segue presente. En certa maneira Xela Arias vén para dialogar con eles.

A outra dimensión da palabra é unha afirmación colectiva que nos axudará a afrontar o futuro, que é tamén unha aposta pola esperanza. Non unha confrontación diferencialista cos «outros», senón a consciencia de que o individuo non é nada sen o grupo social, que o futuro é un proxecto a construír (e compartir) e que só dende a consciencia do que somos e do que queremos ser (consciencia crítica, non chauvinista) podemos albiscar o horizonte. Proposta de solidariedade e, ao mesmo tempo de optimismo, como no ano 2016 «irmandade» (en memoria das Irmandades de Fala, pero moito máis), ou incluso «afouteza» en 2017. As palabras constrúen a realidade, dicía o filósofo. A realidade constrúese con palabras, que son a expresión do pensamento e da vontade dos seres humanos. Os seareiros sabían o que votaban, igual que cando propuxeron «sentidiño», nunca tan vixente nas presentes circunstancias. A ver se o 21 pinta mellor.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

2021. Nós