Que ganas temos todos de quitar a máscara. Pero que ganas! Iso de respirar en profundidade só pode facerse na intimidade. Inspirar, encher os pulmóns e soltar o aire pola boca, coma se non nos preocupase encher a vida de virus, converteuse nun acto privilexiado só reservado para certos momentos e lugares.
O outro día sabía do caso de dous compañeiros de aula que, por procederen de centros diferentes o curso anterior, cadraran por primeira vez este setembro, así que só se coñecían a medias. Con isto non quero dicir que non soubesen como son. Caéronse moi ben e mantiñan unha relación estreita. Pero... non se viran sen máscara. Por iso decidiron, ao chegar a casa, mandar unha foto por WhatsApp e amosar o rostro completo. Tiñan un misterio que resolver e así o fixeron.
É unha anécdota sinxela, pero moi significativa. Quizais é que ando algo sensible, pero a min tocoume o sentimento. Si, eu tamén teño ganas de quitar a máscara e sorrir abertamente con algo máis ca cos ollos.
Pero prefiro mandar tamén fotos pola rede cibernética e vernos desenmascarados a través dunha pantalla. As cifras de afectados, ingresados, falecidos... viven nun baile constante. Un día soben, outro baixan. Quitar a máscara antes de tempo non nos solucionaría máis que a inquedanza do momento. Eu prefiro agardar. Non me importa que se tomen medidas a medio prazo. Case é preferible que andar mudándoas a cada pouco, que xa temos lea abonda. O bo disto é que aprendemos a manexar o DOG. Sempre se aprende algo...