Celaá e a lingua vehicular


En desenvolvemento do artigo 3 da Constitución naceron, nas comunidades autónomas con lingua propia, as leis de normalización lingüística e posteriores regulamentos.

A de Galicia data do 1983, aplicada ao ensino polo vixente decreto de 2010. Destes anos son tamén as de Cataluña, País Vasco, Valencia e Baleares, aínda que foron reformadas con posterioridade. Nestas comunidades hai dúas linguas oficiais, a propia e o castelán que, de acordo coa citada Carta Magna, teñen o deber de coñecer tódolos españois.

Obxectivo esencial é conseguir que os alumnos acaden, ao final do ensino básico, igualdade de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais, por medio de diversas estratexias. Unha delas é o equilibrio nas horas e materias impartidas en cada unha das dúas linguas. En Galicia está no 50 %, mentres que en Cataluña non chega nin ao 25 % para o castelán. Outra medida fundamental para a normalización é a utilización na clase da fala materna predominante entre os alumnos, a partir do ingreso na escola. Coincide co concepto de lingua vehicular no ensino, que é a que se emprega para comunicarse, de xeito ordinario, na aula. En Galicia decídese consultando aos pais dos alumnos de educación infantil ao inicio do curso, mentres que nas outras comunidades autónomas faise polo consello escolar ou polo equipo directivo.

A expresión «lingua vehicular» foi utilizada por primeira vez nunha lei educativa na LOMCE (2013), para sinalar que o castelán é a lingua vehicular do ensino en todo o Estado e as cooficiais sono tamén nas respectivas comunidades autónomas. Coa redacción máis ambigua desta frase na LOMLOE, de maneira que o castelán deixe de figurar como lingua vehicular, créase un debate estéril, por dúas razóns. Primeira porque en Cataluña hai tempo que o español está excluído do sistema educativo e nas outras rexións non xurdiu este conflito. E segundo, porque a verdadeira problemática está en cumprir o precepto constitucional de coñecer o castelán. Pode garantirse este utilizando exclusivamente como lingua vehicular a cooficial? A resposta depende do contexto social e dos medios de comunicación, pois ben sabemos que a presión do español nestes ámbitos é moi forte.

Xa que logo, se non queremos que as nosas linguas propias desaparezan, hai que reforzalas no sistema educativo. En calquera caso, desde un punto de vista pedagóxico sería un erro impoñer como vehicular nos primeiros anos de escolaridade a que non se ten como materna. En Cataluña, a pesar das diversas sentenzas xudiciais, xa está a ocorrer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Celaá e a lingua vehicular