Tortura escolar

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

CEDDA

23 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai quen cre que os suicidios por mor do chamado bullying son simple loucura, quizais cousas da rapazada levadas ao extremo que baten cunha mente débil que non resiste a presión da vida. Pero a vida non é ter 15 anos e ser agredida por homosexual. Igual que non é unha cuestión individual enlouquecer por querer ser fraca quen toda a vida foi chamada «gorda» con desprezo. Non sei por que insultar nas redes, inventar calumnias por WhatsApp, ler a diario comentarios degradantes na mesa de traballo, recibir golpes no traxecto á casa ou ameazas no comedor fican no limbo se acontecen nunha escola, pero teñen un proceso xudicial se son adultos quen as viven. Só existe a vaga idea de que as cousas de nenos son, por isto, menores; ao tempo que se cre que as investigacións en centros educativos, en lugar de servir para protexer as vítimas, só serven para incriminar os culpabeis.

Para nada son mentes débiles, senón persoas fortísimas que conviven cunha violencia insoportábel que as esgota. Como ver alternativas se unha ten 15 anos e a insultan porque lle gustan as rapazas? Como resistir anos de burlas desde aquel día en que unha caída no patio se converteu no infortunio que converte un rapaz no pimpampún do colexio? Quen permite que se rían de nenos de cor? Para iniciar un expediente por acoso nun instituto, case se precisan máis probas ca nun xuízo por asasinato.

E non é acoso, é tortura. Esas criaturas resisten como non resistiría vostede unha situación continuada de maltrato, e seguramente tamén quitaría a vida, coma esa rapariga de Rois, ante a sensación de soidade e a certeza de que só nestes casos non se considera cómplice a quen omite o auxilio.