Fronte ao non de Alcoa, unidade

Francisco Conde TRIBUNA

OPINIÓN

ELISEO TRIGO

12 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1973, o INI e as empresas Alcan e Pechiney aprobaron o proxecto de construción dun complexo industrial en Vilagarcía que se especializaría na fabricación de aluminio e alúmena. Finalmente decidiuse cambiar a localización e levar a instalación para San Cibrao, onde arrincou a súa actividade entre 1979 e 1980.

A posta en marcha da fábrica é un dos momentos de máis plenitude desta industria en España. Hoxe, catro décadas despois, é a única fábrica activa destas características no noso país; sen esquecernos que na Coruña seguimos esixindo que Alu Ibérica cumpra os seus compromisos e arrinca as cubas.

Nun sector tan competitivo e globalizado, a planta de San Cibrao sempre soubo adaptarse ás circunstancias e saír vitoriosa das encrucilladas ás que se tivo que enfrontar en cada momento. Esta vez non ten por que ser a excepción. Por moito que Alcoa pretenda pechar, a Xunta defenderá ata as últimas consecuencias que A Mariña quere seguir producindo aluminio primario. Administracións (gobernos central, autonómico e locais) e traballadores continuaremos unidos por un obxectivo común: que o corazón da fábrica, as súas cubas, siga latindo.

Desde a Xunta temos claro que non imos dar un paso atrás. O futuro de San Cibrao pasa pola impugnación do ERE; pola solicitude das medidas cautelares que eviten a desactivación das cubas; e pola capacidade que teña o Goberno central para garantir a venda da fábrica a un operador -neste caso Liberty House-, cun proxecto viable e de futuro.

O que temos todos claro é que o presente e futuro da Mariña está moi por enriba dos intereses dunha multinacional. Alcoa fixo do non a súa única resposta: non a que as administracións mediásemos na negociación con Liberty House; non a explorar todas as vías posibles para pechar un acordo, incluída a compra da planta por parte do Goberno a través da SEPI; e non á posibilidade de ampliar o período de consultas no último momento para encontrar unha solución.

A actitude de Alcoa é incomprensible. Chegados a este punto, ninguén lle critica que se queira marchar. Pero o que si é completamente inxustificable é que non teña reparos en mandar á rúa a mil familias cando ten sobre a mesa unha alternativa industrial viable -apoiada por Goberno central e Xunta- que podería activarse de inmediato. Fronte a este non a Galicia e á Mariña, unidade. Fronte a súa mala fe, o compromiso das administracións e a solidariedade das miles de persoas que se manifestan cada vez que os traballadores de Alcoa o precisan. Porque a decisión de Alcoa pon en perigo un sector básico no noso país. Deixar de fabricar aluminio primario en San Cibrao conleva un impacto directo no resto do sector en España, que se queda sen un dos seus principais provedores. Estamos ante unha evidencia máis do carácter estratéxico da planta da Mariña. O noso reto segue sendo a defensa dos postos de traballo. E a mellor maneira de logralo é continuando por este camiño: administracións, traballadores e sindicatos baixo un obxectivo común. Como dicía Mahatma Gandhi, «a unidade, para ser real, debe de soportar a maior das tensións sen romperse». Estou convencido de que, por moito que Alcoa quere romper a corda, non poderá co compromiso amosado por traballadores, familiares e veciños para que San Cibrao siga producindo aluminio. Agora máis que nunca, todos e todas somos da Mariña.